Galicia contará con preto de 230 millóns máis para consolidar o crecemento e reforzar o gasto social

Feijóo afirma que se dedicarán 73 millóns de euros a suba salarial do 1% para todos os empregados públicos da Xunta, incluído o persoal sanitario, educativo e das universidades

Sinala que a dita lei reforzará o gasto social cun investimento total de 113 millóns de euros o que permitirá investir 60 millóns para actuacións prioritarias como a universalización dos fármacos da hepatite C e 8,6 millóns para atender a 3.000 novos dependentes

Destaca que no eido laboral, se destinarán 5 millóns de euros a completar os programas de emprendemento e formación no rural e os programas dirixidos aos colectivos máis desfavorecidos

Subliña que esta lei incluirá, tamén, unha partida específica desde 600.000 a 1 millón de euros para paliar a situación da comunidade galega residente en Venezuela
 

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación no Consello da Xunta do anteproxecto de lei de apoio ao crecemento económico e reforzo do gasto social, o que permitirá levar a cabo este ano accións en diversos eidos por un importe de preto de 230 millóns de euros. “Estamos a falar dunha lei que ten un dobre obxectivo: consolidar o crecemento da nosa economía para que Galicia siga medrando con forza, e que iso se traduza en máis e mellor emprego. E reforzar o gasto social, porque a prioridade deste Goberno segue sendo os galegos e o seu benestar”, explicou.

Logo de precisar que os preto de 230 millóns que se inclúen na lei son recursos que Galicia vai recibir este ano a maiores do sistema de financiamento autonómico, pola mellora da economía galega e española, que se está a traducir nun incremento da recadación tributaria vencellada ao mercado laboral e ao consumo, Feijóo explicou que esta lei divídese en tres grandes bloques.

Suba salarial para os empregados públicos
Como primeiro bloque, ao que se dedicarán 73 millóns de euros, Feijóo destacou a suba salarial do 1% para todos os empregados públicos da Xunta, incluído o persoal sanitario, educativo e das universidades. “O máximo permitido polo Estado”, subliñou. Máis polo miúdo, explicou que a previsión da Administración autonómica é que na nómina do mes de xullo xa se aplique esta suba salarial.

Reforzo do gasto social
O segundo bloque no que se centrarán as actuacións desta lei será reforzar o gasto social, en tres eidos fundamentalmente, cun investimento total de 113 millóns de euros. O primeiro deles será a sanidade, con 60 millóns para actuacións prioritarias como universalizar os fármacos da hepatite C. Tamén se investirá na humanización de espazos asistenciais e na execución de novos centros de saúde, e se intensificará a actividade asistencial nos centros sanitarios.

Ao eido da política social, a Xunta destinará un total de 14 millóns de euros: 8,6 millóns para atender a 3.000 novos dependentes, o que permitirá manter unha cobertura de servizos superior á media estatal; 3 millóns para dar un novo impulso á RISGA e para mellorar 44 centros sociocomunitarios; e 2,4 millóns para investir nas escolas infantís da Galiña Azul, nos centros de protección de menores e en albergues e instalacións xuvenís.

Ademais, a Xunta disporá doutros 11 millóns cos que se realizarán programas de interese xeral para atender fins de interese social con cargo á asignación tributaria do IRPF.

“E, en canto á educación, reservamos 11 millóns de euros a: proxectos de I+D nas universidades públicas, obras de mellora en centros educativos, equipamento en centros de FP e impulso do plan de plurilingüismo e do libro dixital ”, engadiu.

Impulsar o crecemento
Feijóo explicou que no eido laboral, destinaranse 5 millóns a completar os programas de emprendemento e formación no rural; e os programas dirixidos aos colectivos máis desfavorecidos.

O compromiso do Goberno galego coa innovación estará reflectido nunha actuación por 3 millóns de euros para reforzar a aposta polo talento, as novas tecnoloxías e a Industria 4.0, con especial atención ás pequenas e medianas empresas.

Así mesmo, destinaranse outros 2 millóns ao programa Reforma17, unha iniciativa para dinamizar o tecido empresarial galego que nos últimos anos está axudando a revitalizar o sector da construción e a reforma.

E, no turismo, desenvolveranse –cunha achega de 3 millóns- accións para a potenciación e promoción dun sector que está a consolidarse como un motor da recuperación económica, e no que Galicia está a acadar cifras récord de visitantes estranxeiros.

Con estes recursos potenciarase a presenza de Galicia en feiras turísticas internacionais e traballarase en accións promocionais do destino e de novos produtos turísticos.

No ámbito das infraestruturas, destinaranse 19 millóns a actuacións para a mellora da rede viaria e a súa conservación, e para actuacións no solo industrial; e incluirase unha partida para o equipamento do Auditorio de Lugo.

Esta lei tamén contribuirá con 4 millóns á posta en marcha da nova Axencia Galega da Industria Forestal, que ten como retos mellorar a calidade de vida no entorno rural, dinamizar un sector clave para a economía galega, incrementar o número de empresas e, en definitiva, crear novos empregos. E activaranse outros 5 millóns para acelerar proxectos pioneiros de mobilidade de terras e para reforzar as políticas de prevención contra os incendios -sobre todo na área fronteiriza con Portugal-, incluíndo a creación de novos puntos de auga, peches gandeiros e mantemento dos cortalumes.

Respecto ao eido marítimo, incluiranse partidas para as obras de construción de pantaláns para as embarcacións mexilloeiras de diversos portos galegos.

Cómpre subliñar que esta lei incluirá, tamén, unha partida específica desde 600.000 a 1 millón de euros para paliar a situación da comunidade galega residente en Venezuela.

“En resumo, hoxe damos luz verde a unha lei que nos vai permitir impulsar o crecemento económico e reforzar o gasto no benestar dos galegos. Unha lei cunha dotación concreta de preto de 230 millóns, con medidas de actuación concretas en todos os ámbitos de actuación prioritarios; que aprobamos á maior brevidade posible, en canto tivemos a certeza de que iamos recibir estes novos recursos; e co obxectivo de que Galicia siga medrando e que a recuperación chegue cada vez a máis fogares”, aseverou.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/06/2017