O titular do Goberno galego presidiu o acto de conmemoración do 50º aniversario da central hidráulica de Velle
Feijóo ratifica a aposta polas enerxías renovables como un elemento clave para seguir crecendo e xerar máis emprego

Resalta que a industria galega xa fabrica todos os compoñentes necesarios para o aproveitamento da enerxía eólica, desde os guindastres auxiliares dos aeroxeradores ata os jackets que suxeitan estas torres

Subliña que preto do 90% da enerxía que consumimos os galegos provén de fontes limpas e sustentables

Refírese ao centro unificado na central de Velle de Gas Natural Fenosa como unha infraestrutura pioneira, desde onde se controlarán e coordinarán 51 centrais e 23 grandes empresas situadas por todo o territorio español
 

Ourense, 30 de xuño de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez, ratificou hoxe a aposta polas enerxías renovables como un elemento clave para seguir crecendo e xerar máis emprego.

Durante o acto de conmemoración do 50º aniversario da central hidráulica de Velle, Feijóo incidiu no compromiso sólido do Goberno galego co desenvolvemento das renovables. E, neste contexto, enmarcou, a modo de exemplo, a aposta por liderar o desenvolvemento da enerxía eólica mariña no mundo.

Ao respecto, resaltou que a industria galega xa fabrica todos os compoñentes necesarios para o aproveitamento desta fonte de enerxía, desde os guindastres auxiliares dos aeroxeradores ata os jackets que suxeitan estas torres.

Así mesmo, recordou as cifras que poñen de manifesto que as enerxías renovables son o alicerce fundamental do sector enerxético galego. Non en van, Galicia é a comunidade que máis enerxía hidráulica produce; ten o sector eólico máis eficiente do país, sendo a segunda autonomía que máis produce, aínda sendo a terceira en potencia instalada; “e case o 90% da enerxía que consumimos os galegos provén de fontes limpas e sustentables”.

Nesa aposta estratéxica polas enerxías renovables, Feijóo destacou o compromiso de Gas Natural Fenosa con Galicia reflectido no desenvolvemento do Centro internacional de excelencia hidráulica, que coordina desde Vigo toda a I+D+i da empresa en enerxía hidráulica; e na xestión centralizada na Comunidade de todas as súas hidráulicas.

Sobre este último punto, cómpre subliñar que desde o centro unificado na central de Velle se controlarán, se coordinarán e supervisaran 51 centrais e 23 grandes presas situadas por toda a xeografía española. Unha infraestrutura pioneira, que recollerá en tempo real máis de 200.000 sinais provenientes das distintas centrais.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/06/2017