O desemprego sitúase por primeira vez desde o inicio da crise por debaixo das 190.000 persoas baixando nun 8,52% na evolución anual

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado salientando que descendeu no último ano en 17.655 persoas, encadeando catro anos consecutivos de caída nun mes de xuño

O paro en Galicia sitúase a niveis de hai 8 anos e rexistra xa máis de 3 anos e medio de baixadas, desde novembro de 2013

Toca indica que segue crecendo tanto o emprego, con 21.949 afiliacións máis, como a calidade, cun 11,06% máis de contratación, 2,2 puntos por riba da media estatal, aumentando a indefinida e a tempo completo

O número de persoas sen traballo tamén descende con respecto ao mes pasado, nun 5%, é dicir, 332 parados menos ao día, posicionando a Galicia como a terceira Comunidade na que máis baixou o paro en termos absolutos

O desemprego cae nas principais variables: nas catro provincias, sete grandes cidades, en todos os sectores e nos colectivos prioritarios da Xunta como menores de 30 (-10,59%), parados de longa duración (-9,51%) e mulleres (-5,66%)

A secretaria xeral de Emprego resalta que o mercado de traballo segue mellorando cunha tendencia positiva para chegar a 2020 coa creación de polo menos 80.000 novos postos de traballo grazas “a unha planificación axeitada ás necesidades do novo escenario económico”

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2017
  • whatsapp

Galicia pecha xuño con 189.665 persoas no paro situándose por primeira vez desde o inicio da crise por debaixo das 190.000. O desemprego caeu con respecto a hai un ano nun 8,52%; son 17.655 persoas menos, encadeando catro anos consecutivos de descenso na evolución anual nun mes de xuño e situando á Comunidade en niveis de paro aos de hai 8 anos (xuño 2009). Segundo a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, que valorou hoxe estes datos, Galicia rexistra xa máis de tres anos e medio de baixadas consecutivas do paro, desde novembro de 2013.

Toca, ademais, indicou que o emprego e a súa calidade seguen crecendo con 21.949 afiliacións máis, un 2,29% máis, e un 11,06% máis de contratos que hai un ano, superando en máis de dous puntos a media estatal. A contratación indefinida aumentou nun 17,87%, superando en máis de 7 puntos o reflectido na temporal e a tempo completo medra nun 13,75%, máis de cinco puntos que a tempo parcial. En canto ás afiliacións, salientou que xa son máis de tres anos as subidas consecutivas nas que Galicia amosa unha evolución positiva, sendo o incremento rexistrado na evolución anual o segundo maior producido en xuño desde o inicio da crise.

O paro, así mesmo, decrece nas principais variables: nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades; en todos os sectores de actividade económica; e nos colectivos prioritarios cos que traballa o Goberno galego.

En canto ás provincias, detallou que Pontevedra lidera a baixada con respecto a xuño de 2016 (-9,29%), seguida da Coruña (-8,83%), Lugo (-6,86%) e Ourense (-6,09%) e, sobre os sectores de actividade, apuntou que o desemprego diminuíu en todos eles, liderando o descenso a construción nun -20,12%, seguido da industria cun -11,80% e da agricultura e pesca cun -9,17%.

En canto aos colectivos prioritarios, o paro caeu nos menores de 30 anos (-10,59%), nos parados de longa duración (-9,51%) e nas mulleres (-5,66%). Sobre a mocidade, subliñou que a caída do desemprego superou en máis de dous puntos a media galega e sobre os parados de longa duración, que máis da metade dos desempregados que saíron do paro nos últimos 12 meses formaban parte deste colectivo.

Con respecto ao mes pasado, o número de persoas sen emprego tamén diminuíu, nun 5%, rexistrándose 332 parados menos ao día e sendo a segunda maior porcentaxe de baixada desde o inicio da crise económica nun xuño. O paro en Galicia baixa case o dobre en Galicia que no Estado (-2,84%). En comparación con maio deste ano tamén baixa nas principais variables e aumenta a contratación indefinida e a tempo completo.

Indicadores en verde


Con estes datos, Toca apuntou que o mercado laboral segue mellorando en Galicia mes a mes “cunha tendencia positiva”, o que, segundo engadiu, sitúa á Comunidade “ante un bo escenario para acadar o reto fixado na Axenda 20 de crear, polo menos, 80.000 novos postos de traballo”.

Así mesmo, resaltou que os números verdes dos principais indicadores da economía galega se están a reflectir “cada vez máis nas familias” grazas “a unha planificación do Goberno galego axeitada ás necesidades do novo escenario económico”. Entre outras follas de ruta, sinalou a Estratexia Autónomo 2020 con 160 millóns de euros para dar servizo a máis de 10.000 persoas; Emprega en Feminino con 100 millóns ata 2020 para impulsar a incorporación á muller do mercado laboral; o Sistema de Garantía Xuvenil para os menores de 30 anos, a través do que se investirán este ano 40 millóns; e a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo, con 163 medidas para mellorar as condicións laborais dos galegos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/07/2017