Esta actuación mellorará a conexión entre a cidade e as vilas de Portomouro, Santa Comba, Val do Dubra, Carballo e Trazo
A Xunta formaliza o contrato para a execución das obras da variante de Aradas, en Santiago, que comezarán este verán

A nova vía, cun orzamento de 6,3 millóns de euros e unha lonxitude de 1,6 Km, funcionará como variante polo norte de Santiago, comunicando o polígono do Tambre coas estradas Santiago-Santa Comba e Santiago- Trazo

O trazado comeza cunha rotonda no cruce das estradas CP-0701 e CP-7804, continúa en dirección oeste-leste, salvando o río Sarela, e alcanza o polígono na intersección das vías Marconi e Nobel, onde se empraza unha segunda glorieta

A infraestrutura desviará un importante volume de tráfico que circula actualmente polo barrio de Vite e servirá de variante noroeste de Santiago ao permitir o acceso, a través do polígono do Tambre, á N-550
 

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), formalizou hoxe o contrato para a execución das obras da Variante de Aradas, en Santiago de Compostela, que comezarán este verán.

Esta vía, cun orzamento de preto de 6,3 millóns de euros e unha lonxitude próxima a 1,6 quilómetros, funcionará como variante polo norte de Santiago, comunicando o polígono do Tambre coas estradas Santiago-Santa Comba (CP-0701) e Santiago-Trazo (CP-7804).

O trazado comeza cunha rotonda no cruce das estradas CP-0701 e CP-7804, continúa en dirección oeste–leste, salvando o río Sarela, e alcanza o polígono do Tambre á altura da intersección das vías Marconi e Nobel, onde se empraza unha segunda glorieta.

A nova estrada, que terá un prazo de execución de 24 meses, canalizará os tráficos procedentes de Portomouro, Santa Comba, Val do Dubra, Carballo e Trazo que se dirixan á zona industrial do Tambre ou á rede de estradas situada ao leste de Santiago, que actualmente teñen que circular polo núcleo urbano da capital galega. Polo tanto, a actuación mellorará o acceso e desconxestionará a rede situada ao nordeste da capital, diminuíndo os tempos de percorrido.

A infraestrutura desviará un importante volume de tráfico que circula actualmente polo barrio de Vite; e servirá de variante noroeste de Santiago ao permitir o acceso, a través do polígono do Tambre, á N-550.

 

Data de actualización: 04/07/2017