O conselleiro de Economía, Emprego e Industria e a conselleira do Mar visitaron as instalacións do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia
Galicia inviste en I+D+i para adiantarse a Europa no control das toxinas paralizantes en bivalvos

Rosa Quintana adiantou que precisamente mañá se analizará no Consello da Xunta un informe no que se dá conta dunha investigación na que traballa o Intecmar desde maio do 2016 para detectar estas toxinas a través dun método químico

Lembrou que a Comisión Europea substituirá a partir deste ano o método de referencia para as analíticas da toxina paralizante nos moluscos bivalvos, de xeito que se terán que facer a través dun método químico en lugar de facelas a través da técnica empregada ata o momento

Ambos conselleiros enxalzaron o labor do Instituto de Vilaxoán en materia de innovación e investigación, xa que as melloras no sistema de control das zonas de produción de moluscos inciden de maneira moi importante nos sectores produtor e comercializador
 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 11 de xaneiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

A Xunta de Galicia, consciente da importancia que ten a Investigación, o Desenvolvemento e a Innovación -sobre todo no tocante á investigación pesqueira e ao desenvolvemento tecnolóxico neste eido- estase a preparar para aplicar o método químico na detección de toxinas paralizantes no medio mariño, co fin de acatar a normativa europea que a partir deste ano substituirá ao actual método de referencia para a detección deste tipo de toxinas. Así o explicou esta mañá a conselleira do Mar, Rosa Quintana, nunha visita realizada ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) xunto co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

Rosa Quintana adiantou que precisamente no Consello da Xunta de mañá, o Goberno galego analizará un informe no que se dá conta do alcance da investigación DeMeTox tras os seus 8 primeiros meses de vixencia. Unha acción levada a cabo polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e na que o seu departamento inviste case 140.000 euros.

Segundo lembrou a titular de Mar, a Comisión Europea substituirá a partir deste ano o método de referencia para as analíticas da toxina paralizante nos moluscos bivalvos, de xeito que se terán que facer a través dun método químico en lugar de facelas a través da técnica empregada ata o momento. Por este motivo e conscientes da importancia e necesidade de adaptarse ás novas esixencias europeas, a Consellería do Mar xa está poñendo a punto o método e desde maio vén traballando para aplicalo.

Ademais, Rosa Quintana sinalou que os resultados que se coñezan da investigación van servir para perfeccionar a aplicación do método químico de detección de toxinas lipofílicas mariñas que se emprega na actualidade no programa de control de biotoxinas que se leva a cabo en Galicia a través do Instituto de Vilaxoán.

Aposta pola innovación


Rosa Quintana e Francisco Conde enxalzaron o labor do Intecmar en materia de innovación e investigación. Nesta liña fixeron fincapé en que o Instituto de Vilaxoán traballa arreo en equiparse axeitadamente e prepararse a fondo para facer fronte ás novas esixencias relacionadas co seu labor. Así, dende 2013 adquiriu 11 novos equipos instrumentais para as unidades de biotoxinas, patoloxía, metais pesados, organoclorados e oceanografía e fitoplancto e aposta sempre pola mellora continua das súas instalacións.

Ademais rematou 3 proxectos de investigación, está traballando en 11 relacionados coa investigación de toxinas, patoloxías, contaminación mariña e o cambio climático e ten solicitados outros 3 proxectos a convocatorias europeas. Este centro punteiro e referente en Europa nos seus ámbitos de actividade –sobre todo en materia de control de toxinas mariñas- leva a cabo todas estas iniciativas co fin de avanzar no seu traballo de control das augas e dos moluscos nas rías galegas co obxectivo de que os mariscos cheguen ao mercado con todas as garantías de salubridade.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou que o Intecmar é un referente na xestión innovadora dos recursos mariños, o primeiro dos tres retos trazados na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). “O labor do Intecmar configúrase como unha peza fundamental nesta aposta pola innovación, non só garantindo, mediante análises rigorosas, a calidade ambiental e dos produtos do mar que Galicia vende por todo o mundo, e achegando as máximas garantías para os consumidores, senón tamén desenvolvendo un gran labor de investigación en colaboración constante coas empresas e outros centros de coñecemento”, afirmou Conde.

Neste sentido, o conselleiro sinalou que a Xunta ten en marcha a Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía, enmarcada na RIS3, na que xoga un papel destacado a biotecnoloxía azul, que contribúe a desenvolver produtos vinculados coa alimentación, pero tamén en outros eidos, como a sanidade, os biomateriais e a agricultura. Dentro deste compromiso pola innovación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten apoiado ao sector da pesca e da acuicultura con máis de 31 millóns de euros desde 2009 a través de programas como Conecta Pemes, Innterconecta e as Unidades Mixtas de Investigación, o que ten permitido mobilizar preto de 55 millóns.

Competencia técnica do Intecmar


O Intecmar posúe diversas determinacións analíticas que contan coa acreditación outorgada pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC). Este organismo avala o sistema de xestión da calidade do instituto de Vilaxoán para a realización das análises físico-químicas, microbiolóxicas, patolóxicas e toxicolóxicas en moluscos bivalvos e outros produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

Estes recoñecementos sitúan ao instituto como o primeiro centro de control oficial de España que tivo acreditado o novo método analítico de biotoxinas mariñas lipofílicas mediante o método químico e como o primeiro laboratorio de Europa en lograr a acreditación de análises histopatolóxicas de moluscos. O Intecmar é un centro punteiro e referente en Europa nos seus ámbitos de actividade, sendo especialmente recoñecido en materia de control de toxinas mariñas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/01/2017