A Xunta pon en valor o papel das Relacións Laborais para acadar en Galicia un emprego estable e de calidade

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na clausura do XXVII Curso Superior de Relacións Laborais no que preto de 30 alumnos e alumnas recibiron os seus diplomas

Sinalou que as relacións laborais son un dos principais eixos das políticas activas de emprego da Xunta para incrementar as oportunidades de atopar un traballo e estimular a calidade e a igualdade no emprego

Destaca que o Consello Galego de Relacións Laborais é unha mesa permanente aberta ao diálogo e lembra que grazas á colaboración entre Xunta e axentes sociais e económicos xurdiron importantes acordos como a Lei de participación institucional de Galicia ou os relativos ao fomento da empregabilidade ou mellora da competitividade

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na clausura do XXVII Curso Superior de Relacións Laborais no que este ano se graduaron preto de 30 alumnos e alumnas que recibiron os seus diplomas. Toca puxo en valor o papel das relacións laborais indicando que son un dos principais eixos das políticas de emprego do Goberno galego, xa que xogan un papel decisivo para o diálogo, o entendemento e a negociación, e para acadar a paz social.

Neste senso, resaltou o labor que realiza o Consello Galego de Relacións Laborais ao que definiu como unha mesa permanente aberta ao diálogo e que está centrado na potenciación da concertación social; na ampliación dos mecanismos de solución extraxudicial de conflitos; na mellora da calidade dos convenios colectivos galegos; ou nos avances da negociación colectiva.

A secretaria xeral de Emprego recordou o pulo que o Goberno galego está dando para reforzar a colaboración cos axentes sociais e económicos lembrando que froito do diálogo xurdiron importantes acordos sociais como a Lei de participación institucional de Galicia ou relativos ao fomento da empregabilidade, prevención de riscos laborais ou á mellora da competitividade empresarial, entre outros.

Afirmou, ademais, que a Xunta, a través da Axenda 20, traballa para que os galegos e galegas poidan optar a un emprego estable e de calidade facilitándolles programas para favorecer a súa inserción laboral e estimulando a igualdade no traballo.

Explicou, por último, que para iso a Consellería de Economía, Emprego e Industria traballa para acadar unha igualdade salarial entre homes e mulleres, potenciar a conciliación ou reforzar a colaboración coa Inspección de Traballo para actuar contra a discriminación. Neste campo fixo referencia a Emprega Feminino con 100 millóns de euros ata 2020 para impulsar a incorporación á muller ao mercado laboral e ás políticas que está desenvolvendo a Xunta para fomentar a Responsabilidade Social Empresarial.

Para seguir impulsando o traballo estable e de calidade, o Goberno galego aprobará, ademais, un texto legal adaptado ao novo marco estatal que permita executar políticas encamiñadas a acadar este obxectivo. Será a Lei de emprego de Galicia coa que se contribuirá a ordenar o ecosistema de emprego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/07/2017