A Xunta activa unha nova edición do programa ReAcciona que xa impulsou a competitividade de 850 pemes a través de 1400 proxectos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste na iniciativa 2 millóns de euros para desenvolver preto de 500 novos proxectos de mellora de xestión empresarial e a posta en marcha de plans estratéxicos nas empresas galegas

A presentación de solicitudes ao abeiro das bases reguladoras publicadas hoxe no DOG estará aberta desde o próximo luns ata o 15 de setembro

O obxectivo fundamental é apoiar ás pemes na profesionalización dos seus equipos directivos e de xestión para que se fortalezan como paso previo ao seu crecemento ou internacionalización

O Igape activará novas convocatorias deste programa en novembro e decembro deste ano e en febreiro e maio de 2018

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2017.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar unha nova convocatoria do programa ReAcciona, unha iniciativa pioneira do Goberno galego que nos últimos catro anos xa impulsou a competitividade de 850 empresas a través de 1400 proxectos de mellora. A nova edición do programa, dotada con 2 millóns de euros, permitirá desenvolver preto de 500 novos proxectos de mellora de xestión empresarial e a posta en marcha de plans estratéxicos de futuro nas empresas galegas ata 2018.

A presentación de solicitudes ao amparo das bases reguladoras publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) estará aberta desde o 10 de xullo ata o 15 de setembro. A continuación activaranse novas convocatorias en novembro e decembro deste ano e en febreiro e maio de 2018.

ReAcciona, programa ao que a Xunta destinou ata o de agora 5,1 millóns de euros facilitando a mobilización de case 7 millóns, está deseñado para impulsar accións de mellora en áreas concretas de xestión ou planificación das pemes galegas, poñendo á súa disposición, co apoio de expertos, o coñecemento, os métodos e as ferramentas necesarias para que poidan reinventarse de forma continuada. A finalidade do programa é o de proporcionar ás pemes a capacidade para desenvolver proxectos de mellora en determinados ámbitos de xestión: financeiro, de produción, comercial ou de deseño estratéxico.

O obxectivo fundamental do programa, cofinanciado ao 80% con fondos Feder, é apoiar ás pemes galegas nos procesos de profesionalización dos seus equipos directivos e nos plans de xestión e desenvolvemento estratéxico, para procurar que se reforcen como paso previo ao seu crecemento ou internacionalización. Co apoio do ReAcciona, as empresas poden escoller o seu itinerario de mellora personalizado, de acordo coas súas necesidades, apoiándose nun ou en varios servizos que van desde un diagnóstico inicial ata a execución dos diversos plans operativos pasando, se fose conveniente, por unha análise estratéxica detallada que oriente o rumbo futuro da empresa.

Os 1400 proxectos aprobados ata o de agora apostan na súa gran maioría, nun 35% dos casos, polos servizos de tipo comercial; seguidos de servizos de xestión, nun 26,5%; de estratexia, nun 20,5%; e de desenvolvemento dun negocio, nun 18%. Ademais, máis da metade das empresas beneficiarias dos servizos aprobados nos últimos meses corresponden ao sector da nova industria (53%) -industria ou firmas de servizos a empresas- ao que seguen o comercio maiorista (12%), a hostalaría (10%), outros servizos (12%) e a construción e actividades relacionadas (9%).

O programa ReAcciona é un dos instrumentos cos que a Xunta está a profundar na mellora da competitividade do tecido empresarial ao abeiro da Axenda Galicia-Industria 4.0, coa que se prevé incrementar ata o 20% o peso da industria no PIB, impulsando a creación de 50.000 empregos.

Data de actualización: 07/07/2017