Medio Ambiente rexenerou un espazo de 1900 m2 para o espallamento e goce dos veciños de Curtis

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio supervisou esta mañá as obras de remodelación efectuadas na Praza de España en Teixeiro, que contaron cun investimento de 240.000 euros

Beatriz Mato destaca que se retirou unha fonte en desuso, tal e como demandaron os veciños, o que permitiu definir un espazo máis diáfano e polivalente, que permita acoller festas, feiras e outras actividades

Avanza que ao longo de 2017 a Xunta destinará máis de 7,8 millóns de euros para seguir executando actuacións que promovan o equilibrio territorial da Comunidade galega

Curtis (A Coruña), 11 de xaneiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio rematou as obras de remodelación da praza de España en Texeiro, no Concello de Curtis, polo que se recuperou un espazo de 1.900 m2 para o espallamento e goce dos veciños. Así o puxo de manifesto a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, que esta mañá supervisou –xunto co alcalde, Javier Caínzos- os traballos realizados neste enclave do concello e nos que se investiron 240.000 euros.

Trátase dunha actuación –executada no marco dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello- que se incluíu no Plan hUrbe e que da resposta ao obxectivo de humanizar as vilas galegas. A conselleira de Medio Ambiente sinalou que moitas obras deste plan pasan inadvertidas porque se realizan baixo superficie; pero son necesarias e por iso se executan; polo que a satisfacción é maior cando son en superficie e son “os propios veciños os que poden comprobar o antes e o despois, sen a necesidade de explicacións, só cos seus propios ollos”.

No caso desta actuación “non só é en superficie, senón tamén no corazón do núcleo urbano”, polo que se pode falar dunha ágora veciñal, ao crear un espazo máis polivalente e no que se atenderon as demandas dos veciños, como a retirada dunha fonte en desuso, o que permitiu definir un espazo máis diáfano e polivalente, que permita acoller festas, feiras e outras actividades.

Tamén se acondicionaron as especies arbóreas e instalouse mobiliario urbano, con bancos máis integrados e cómodos, mellorando o seu deseño e a súa estrutura. A actuación tamén implicou a mellora do pavimento, xa que o anterior estaba moi deteriorado, e colocouse unha pedra granítica maior espesor do existente, e polo tanto máis consistente e duradeira, ao tempo que se fixo este espazo máis accesible, ao nivelar a praza coa vía.

Plan Hurbe


Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. No ano que acaba de rematar mobilizáronse preto de 11 millóns de euros, un esforzo que se plasmou na sinatura de 67 convenios con 66 concellos. Nesta mesma liña, ao longo de 2017 investiranse máis de 7,8 millóns de euros no marco deste plan no conxunto de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/01/2017