O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, realizou hoxe unha visita ás instalacións da casa niño “O Bicarelo”, situada no municipio ourensá de Manzaneda
A Xunta de Galicia ten actualmente en funcionamento un total de 27 casas niño en concellos rurais das catro provincias

Entre este mes de xaneiro e o vindeiro de febreiro abrirán outras tres máis ata completar un total de 30 e sumar 150 novas prazas de atención á infancia e para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral

O responsable da área social do Goberno galego avanzou o compromiso de poñer en marcha ao longo de 2017 outras 30 casas niño, as cales están incluídas nos presupostos deste ano, xa presentados

Rey Varela destacou o carácter pioneiro deste servizo gratuíto para as familias que consiste no coidado personalizado de ata un máximo de cinco menores de 0 a 3 anos no propio domicilio dun coidador acreditado profesionalmente

As casas niño é unha das medidas recollidas no Programa de apoio á natalidade que a Administración autonómica desenvolve dende finais do ano 2015; e que ten por obxecto que “Galicia sexa o mellor lugar para vivir, para formar unha familia, e sobre todo, para ser neno ou nena”, apuntou o titular de Política Social durante a visita
 

Manzaneda (Ourense), 11 de xaneiro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá a casa niño “O Bicarelo” situada no municipio ourensán de Manzaneda, un recurso de conciliación gratuíto para as familias que consiste no coidado personalizado de ata un máximo de cinco menores de 0 a 3 anos no propio domicilio dun coidador/a acreditado profesionalmente. A de Manzaneda é unha das 27 casas niño que están hoxe en día en funcionamento en Galicia, e entre este mes de xaneiro e o vindeiro de febreiro abrirán outras tres máis ata completar un total de 30 e sumar 150 novas prazas de atención á infancia e para a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

Durante a visita, Rey Varela, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, e pola directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Amparo González Méndez, fixo fincapé no carácter pioneiro deste servizo dirixido á infancia e ás familias e que constitúe unha mostra da aposta da Xunta de Galicia polo rural. Así, salientou que ademais de atender ás necesidades de conciliación dos pais e nais que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes, as casas niño favorecen a equidade no acceso aos servizos por parte de todas as familias galegas, con independencia do lugar de residencia; impulsan o autoemprego e a economía social; contribúen á dinamización dos núcleos rurais e axudan á fixación de poboación no territorio.

Asemade, o responsable da área social do Goberno galego avanzou o compromiso de poñer en marcha ao longo de 2017 outras 30 casas niño, as cales están incluídas nos orzamentos para este ano, xa presentados. O obxectivo que se ten marcado a Consellería de Política Social é que cando remate a lexislatura todos os concellos galegos teñan ao seu alcance un recurso de conciliación, e de aí que o orzamento destinado á área de Familia Infancia e Dinamización Demográfica aumente un 11% máis en comparación co exercicio pasado, ata situarse por riba dos 107 millóns de euros.

Por último, o conselleiro sinalou que a implantación de políticas de conciliación mediante a posta a disposición dos pais e nais de servizos que fagan posible que os seus fillos e fillas estean atendidos mentres traballan forma parte da vontade da Xunta de Galicia de contestar ao desafío demográfico; xa que “queremos que Galicia sexa o mellor lugar para vivir, para formar unha familia e, sobre todo, para ser neno ou nena”. Ao respecto, lembrou que as casas niño é unha das iniciativas que se contemplan no Programa de Apoio á natalidade (PAN Galicia) que Política Social está a desenvolver dende finais de 2015 con accións como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a apertura de novas escolas infantís –con especial atención aos polígonos empresariais e industriais- ou o incremento das prazas sostidas con fondos públicos.

Distribución por provincias

Na actualidade Galicia conta con 27 casas niño en servizo, distribuídas por provincias do seguinte xeito: unha na Coruña, tres en Pontevedra, sete en Lugo e 16 en Ourense. Entre este mes e o vindeiro de febreiro estarán operativas as tres pendentes, situadas no concello lucense de Folgoso do Courel e nos municipios ourensás de Monterrei e Beade.

A apertura destes equipamentos contou co respaldo económico da Administración autonómica que en maio do ano pasado convocou unha liña de axudas para este fin dotada dun crédito orzamentario de 2,5 millóns de euros que se esgotou na súa totalidade. As persoas cuxas solicitudes foron atendidas recibiron unha achega económica dirixida tanto a contribuír ao financiamento do custo da reforma e adaptación da vivenda e ao seu equipamento e dotación material, así como á atención profesional prestada.

No caso concreto da casa niño de Manzaneda, a Consellería de Política Social concedeu unha subvención inicial de 15.000 euros para investimentos de adaptación da vivenda, aos que se engaden outros 65.300 repartidos no período comprendido entre os anos 2016 e 2019 en concepto de axuda ao desenvolvemento do proxecto. En total, o investimento da Xunta de Galicia neste equipamento ascendeu a máis de 80.000 euros.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/01/2017