O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o plan xeral de explotación marisqueira e os plans de xestión de recursos específicos para o 2017
Os plans de xestión de recursos marisqueiros do 2017 incluirán por primeira vez información de valor ambiental

Estes datos contribuirán á consecución do bo estado ambiental dos ecosistemas mariños, son de relevancia para o coñecemento do estado dos recursos e do medio mariño e encádranse nos descritores definidos pola Directiva Marco da Estratexia Mariña

Por primeira vez e, ante a necesidade de aglutinar a actividade dos recursos específicos, o DOG publica os plans de xestión de recursos específicos de xeito independente do plan xeral de explotación marisqueira

A través das dúas ordes publicadas Mar aproba 226 plans de explotación de recursos marisqueiros, 21 máis que no ano 2016
 

Santiago, 30 de decembro de 2016
  • whatsapp

Os plans de xestión de recursos marisqueiros do 2017 incluirán por primeira vez información ambiental estandarizada de toda a costa galega. Estes datos obtéñense das mostraxes e do coñecemento do medio que posúe o persoal técnico da costa galega, contribuirán á consecución do bo estado ambiental dos ecosistemas mariños e son de gran valor para o coñecemento do estado dos recursos e do medio mariño.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas ordes polas que se aproban estes plans, unha do plan xeral de explotación marisqueira e outra dos plans de xestión de recursos específicos (especies coma o percebe, equinodermos, solénidos, algas, peneira, anémonas e poliquetos) para o 2017. A través delas, a Consellería aproba un total de 226 plans, 21 máis que no ano 2016.

Estes documentos establecen o réxime preciso para permitir a explotación marisqueira na Comunidade galega coas garantías dunha boa xestión do recurso, tendo en conta os datos e informes científicos dispoñibles. Fano mediante unha serie de normas para realizar a actividade extractiva do marisqueo; como por exemplo, épocas e días máximos de extracción e zonas de traballo.

A información ambiental dos plans pode ser entregada polas confrarías de pescadores á Administración ao longo do ano da vixencia dos plans e inclúese co obxectivo de coordinar as planificacións de traballo das confrarías segundo a Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña, establecida pola Unión Europea. De feito estes plans son o resultado dun estudo continuado da evolución dos recursos e do hábitat. Ademais poden encadrarse nas actuacións de protección e recuperación da biodiversidade contempladas no Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

Por primeira vez o DOG publica os plans de xestión de recursos específicos de xeito independente do plan xeral de explotación marisqueira, atendendo ao establecido na orde pola que se regula a extracción dos recursos específicos (publicada no DOG o 21 de xaneiro de 2016) e ante a necesidade de aglutinar todos os aspectos relativos a esta actividade. Unha necesidade que vén dada pola consolidación social e económica da explotación dos recursos específicos, polas peculiares características da súa extracción e polo nivel de organización dos diferentes colectivos.

Plan xeral de explotación marisqueira

A orde do plan xeral de explotación marisqueira para o 2017 contempla os plans de marisqueo a pé e dende embarcación. A través dela apróbanse un total de 93 e deles 45 son de autorizacións administrativas e 48 para as zonas de libre marisqueo

As medidas de xestión para a explotación da centola, boi e do polbo, desenvolveranse no seu momento a través de plans de xestión específicos para estas pesqueiras. Do mesmo xeito, o uso do bou de vara e o bou de man para a extracción de moluscos bivalvos autorizarase a través dun plan de xestión para estas modalidades.

En relación a outros crustáceos, o Plan establece que está permitido capturar nécora do 1 ao 5 de xaneiro e do 2 de xullo ao 30 de decembro. No caso do lumbrigante, o período autorizado de captura vai do 1 de xaneiro ao 31 de marzo e do 2 de xullo ao 30 de decembro.

No caso da lagosta, esta poderá extraerse entre o 1 de xaneiro e o 29 de setembro. En relación ao santiaguiño, o plan establece que se poderá capturar do 1 ao 5 de xaneiro e do 1 de outubro ao 30 de decembro. Ademais especifica que o conguito, o patulate e o cangrexo se poderán extraer durante todo o ano.

Recursos específicos

En relación á orde dos recursos específicos, a través dela a Consellería aproba un total de 133 plans de xestión. Estes plans son a ferramenta para unha explotación sostible e conservación dos recursos mariños e integran aspectos biolóxicos, sociais e económicos. A través deles desenvólvese o sistema de coxestión dos recursos marisqueiros entre a administración e o sector.

Dos plans aprobados, 35 son de percebe, 18 de equinodermos, 24 de solénidos (navalla, longueirón e longueirón vello), cinco son de peneira, 20 de algas, 9 de anemones e 22 de poliquetos. No caso do equinodermo holoturia Holothuria forskali, coñecido popularmente en Galicia como carallo de mar, para o ano 2017 a Consellería do Mar aprobou dous plans de xestión máis, correspondentes ás confrarías de Aldán e Vigo. Estes súmanse aos das confrarías da Coruña-Barallobre, Cangas e O Grove.
 

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 30/12/2016