O CDG presenta en Santiago a súa coprodución ‘O conto de inverno’ con Teatro Oficina de Portugal

Marcos Barbosa dirixe esta versión contemporánea da obra de Shakespeare, que sitúa a acción entre os reinos de Galicia e Portugal

O espectáculo conta cos galegos Xosé Barato, Santi Cuquejo e Marta Pazos no elenco e coa música en directo do grupo Manuel Fúria e Os Náufragos

Representarase desde mañá e ata o domingo no Salón Teatro, que a semana que vén acollerá a montaxe Daniel Faria, coproducida xunto á compañía de Pablo Fidalgo
 

Santiago, 11 de xaneiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

O programa de coproducións do Centro Dramático Galego (CDG) para a temporada 2016-2017 achega esta semana a Santiago unha versión contemporánea de ‘O conto de inverno’, de William Shakespeare, que sitúa a acción entre os reinos de Galicia e Portugal. A compañía de Guimarães Teatro Oficina encabeza esta produción na que, ademais do CDG, tamén participan a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e o Teatro Aveirense.

‘O conto de inverno’, do que se ofrecerán catro funcións no Salón Teatro (desde mañá día 12 ao sábado 14, ás 20.30 h, e o domingo 15, ás 18.00), está dirixido polo portugués Marcos Barbosa, quen interveu hoxe na presentación aos medios do espectáculo xunto con Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Fefa Noia, directora do CDG.

Tres galegos no elenco

Na súa intervención, Jacobo Sutil inseriu este espectáculo en dous dos eixos de traballo que a Agadic está a desenvolver a través do Centro Dramático Galego. Dunha banda, un programa de coproducións baseado tanto na colaboración económica como no intercambio artístico que, neste caso, se materializa na presenza no elenco dos galegos Xosé Barato, Santi Cuquejo e Marta Pazos. Doutra, ‘O conto de inverno’ afonda na liña de cooperación coa escena lusa que se vén levando a cabo nos últimos anos e que entronca, así mesmo, cos fundamentos da chamada Lei Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa Lusofonía.

Nesta versión de ‘O conto de inverno’, Teatro Oficina xunta sobre o escenario un elenco galego-portugués de oito actores e actrices (Alelhi Guerrero, Anabela Faustino, Carolina Amaral, Ivo Alexandre e o propio Marcos Barbosa, ademais dos xa mencionados Xosé Barato, Santi Cuquejo e Marta Pazos) co grupo luso Manuel Fúria e Os Náufragos, moi coñecido no seu país, encargado da música en directo.

Esta obra pertence á última serie dos ‘Romances’ de Shakespeare, pezas inspiradas no folclore intemporal dos contos clásicos e moralizantes. O texto non adoita ser valorado pola súa intensa carga política nin polo seu cruel realismo, senón como un conto premonitorio e algo fantasioso sobre os perigos dos celos e sobre a enerxía renovadora que a Natureza lle concede a todas as reconciliacións. É, segundo Teatro Oficina, unha peza sobre o amor, que atravesa as coordenadas dos tempos e das idades, poñendo a proba a mulleres e homes na súa complexa rede de relacións.

Con ‘O conto de inverno’, Marcos Barbosa volve colaborar nun proxecto con participación do CDG, como xa o fixera en 2009 como director da coprodución ‘Delimvois’, a partir dun texto do galego Rubén Ruibal, ou en 2011 coa exhibición no Salón Teatro da súa montaxe ‘Rúa Gagarin’ dentro do programa de intercambio escénico entre Galicia e Portugal.

Esta nova coprodución con Teatro Oficina chega a Galicia tras a súa estrea o pasado 7 de outubro no Teatro Aveirense de Aveiro (Portugal). Despois das súas catro funcións no Salón Teatro, a semana que vén exhibirase na sede de Teatro Oficina no Centro Cultural Vila Flor de Guimarães e ten previstas actuacións en xuño no Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica (FITEI) do Porto e en xullo na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

Venda de entradas

As entradas para as súas representacións en Santiago de Compostela xa están á venda na web entradas.abanca.com e tamén poderán adquirirse na billeteira do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.

Está activa, así mesmo, a venda dos billetes para a segunda das coproducións impulsadas polo Centro Dramático Galego durante a temporada 2016-2017 e coa que se continúa afondando no diálogo coa escena lusa: ‘Daniel Faria’, unha creación a partir da vida e obra de quen é un dos mitos recentes da poesía portuguesa, que asina o galego afincado en Lisboa Pablo Fidalgo. Esta peza, que se estreará a vindeira semana no Teatro Nacional Dona Maria II da capital portuguesa, poderá verse na sede do CDG do xoves 26 ao domingo 29 de xaneiro.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/01/2017