O presidente da Xunta participou no acto de entrega das acreditacións oficiais de cualificación e dos certificados de profesionalidade REXP 2017
Feijóo apela á colaboración público-privada para que as empresas contribúan a orientar o itinerario da oferta formativa en Galicia

A Xunta aprobará nas próximas semanas un programa dotado con 90 millóns de euros para fomentar a contratación e a formación de 10.000 menores de 30 anos

Sinala que a nosa Comunidade é pioneira na entrega de certificados de profesionalidade e resalta a importancia da formación na creación de emprego de calidade e na promoción do desenvolvemento industrial

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a importancia da colaboración público-privada para que sexan as propias empresas as que axuden a adaptar a oferta formativa existente en Galicia ás demandas do mercado laboral. “Temos que preguntarnos que demanda a sociedade, que demanda a empresa, que títulos son capaces de conseguir un emprego”, dixo. Chamou tamén a ver a formación “non como un papel, senón como unha chave para abrir as expectativas dunha familia”.

Nesta liña, Feijóo avanzou que nas próximas semanas se aprobará un programa dotado con 90 millóns de euros para fomentar a contratación e a formación de 10.000 persoas menores de 30 anos sen emprego. Cada participante neste programa recibirá un cheque de 7000 euros, 5000 para incentivar un contrato dun mínimo dun ano e 2000 para completar a etapa formativa dentro da empresa. Esta iniciativa súmase ás unidades formativas en empresas, que xa están en marcha desde o ano pasado, e que están condicionadas a que o 60% dos participantes sexan contratados tras rematar a formación.

O presidente realizou este anuncio no marco do acto de entrega das acreditacións oficiais de cualificación e dos certificados de profesionalidade REXP 2017, uns títulos nos que Galicia é pioneira, ademais de ser a comunidade autónoma con máis persoas acreditadas.

A clave para chegar a unha formación realmente útil e adaptada ás necesidades do mercado laboral é que “as empresas se anticipen ao futuro”, indicou Feijóo. Valorou tamén o feito de que, desde hai tres anos, Galicia teña máis persoas matriculadas nun ciclo de formación profesional que no bacharelato, na liña de países con taxas de emprego elevadas, como Alemaña. Ademais, nos últimos meses a Xunta acordou que os profesores de FP puidesen impartir formación a desempregados, optimizando deste xeito os recursos dos que dispón o noso sistema educativo.

Formación en ámbitos estratéxicos para Galicia

Feijóo recalcou que algúns dos ámbitos laborais con máis futuro en Galicia, como o da Industria 4.0 ou o eido sociosanitario, necesitan uns traballadores ben formados. Así mesmo, a Xunta acaba de investir 12 millóns de euros a formación dentro do sector naval, nunha época onde a competitividade é clave para reforzar esta industria. Tamén no rural o Goberno galego está a apostar pola formación, convocando por exemplo obradoiros específicos en sectores coma o forestal.

Puxo tamén de manifesto que a oferta de certificacións se está abrindo cada ano a máis ámbitos. Neste ano, en concreto, incorporáronse as operacións de vixilancia e extinción de lumes forestais e os labores de apoio ás continxencias no medio natural e rural. “Este é un dos sistemas formativos dos que máis orgullosos nos sentimos”, concluíu Feijóo, que puxo en valor que as certificacións de profesionalidade teñen validez en toda España.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/07/2017