O novo Plan de accesibilidade turística senta as bases para converter Galicia nun referente do turismo inclusivo

O conselleiro de Política Social e a directora de Turismo de Galicia presentaron hoxe o documento que recolle medidas e iniciativas para garantir que as persoas con diversidade funcional podan gozar dos recursos turísticos da Comunidade

O plan proporciona tanto ao destino como ao sector turístico ferramentas para avanzar na mellora do grao de accesibilidade, no deseño dunha oferta adaptada e de materiais accesibles, na formación dos profesionais ou na sensibilización

O Camiño de Santiago, onde a Rede de Albergues Públicos ten habitacións e aseos adaptados, conta cun apartado específico que fomenta unha experiencia inclusiva

José Manuel Rey Varela destacou o compromiso da Xunta en seguir mellorando e completando unha rede de servizos que contribúan a mellorar a calidade de vida e o benestar de todas as persoas con independencia das súas capacidades

Nava Castro lembrou que este plan supón un compromiso plasmado na Estratexia do turismo de Galicia 2020 ante “unha realidade crecente” na nosa sociedade

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2017
  • whatsapp

A Xunta presentou hoxe o Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago, a folla de ruta que aspira a converter Galicia nun referente do turismo inclusivo. O documento contén medidas para desenvolver no destino e dan man do sector ato o ano 2019 e favorecer así o acceso aos recursos turísticos da Comunidade a persoas con discapacidade e mobilidade reducida.

O plan foi presentado no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto ao presidente da Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física (Predif), Francisco Vietes. Numerosos representantes e membros das asociacións que traballan pola accesibilidade e do sector turístico participaron nesta cita.

Trátase dun compromiso plasmado na Estratexia do turismo de Galicia 2020, deseñada para acompañar o crecemento de viaxeiros previsto coa vista posta no Xacobeo 2021, e alíñase co Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, que conta cun plan específico para aplicar na ruta xacobea. No plan proporciónase ao destino e ao sector turístico galego o soporte e as ferramentas adecuadas para avanzar en cuestións de accesibilidade universal.

Despois de elaborar unha diagnose e identificar as posibles áreas de mellora, tomáronse as primeiras decisións, froito dun proceso de reflexión de carácter participativo con mesas de traballo e entrevistas onde estiveron presentes axentes do sector turístico e das asociacións que traballan por favorecer a inclusión na nosa sociedade. “Falamos dunha realidade crecente que esixe compromisos para que todas as persoas poidan viaxar e gozar dos nosos recursos turísticos en igualdade de condicións”, manifestou a directora de Turismo.

Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou o compromiso da Xunta para seguir mellorando e completando unha rede de servizos sociais que contribúan a mellorar a calidade de vida e o benestar de todos. “A discapacidade debe ser abordada desde a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva, e iso é o que tratamos de facer co plan que vimos de presentar”, explicou. “Temos a obriga de facer o turismo accesible a todas as persoas non só por solidariedade, senón por xustiza, xa que todos temos o mesmo dereito de gozar dos nosos paraxes independentemente das nosas capacidades”, engadiu o conselleiro.

Rey Varela lembrou que hai un mercado potencial de 138 millóns de persoas con necesidades de acceso na Unión Europea, motivo polo que saudou a implantación deste Plan de accesibilidade. En concreto, as persoas que conforman este segmento da sociedade realizan unha media de 7,15 viaxes ao ano e prevese un crecemento interanual de 1,2%.

Preto de 700 establecementos analizados


Na fase inicial do estudio, analizáronse preto de 700 establecementos, entre aloxamentos e restaurantes, e no Camiño de Santiago avaliouse o grao de accesibilidade de máis de 50 etapas, de preto de 200 establecementos de hospedaxe e de 80 puntos de interese turístico. Isto permitiu detectar retos e oportunidades recollidos no plan nos que traballar.

Entre os principais obxectivos do plan atópase a mellora do grao de accesibilidade da oferta e a inclusión do colectivo de persoas con diversidade funcional, ademais de situar Galicia como un destino de turismo accesible nacional e internacional. Contén, así mesmo, iniciativas para incrementar a formación e a sensibilización da poboación galega neste eido, outras dirixidas a proporcionar novas oportunidades de negocio ás empresas turísticas da nosa Comunidade e a establecer mecanismos para a xestión do turismo accesible.

O plan contén catro liñas estratéxicas para levar a cabo no destino Galicia e sete adicionais no Camiño de Santiago. De cara a mellorar a accesibilidade da oferta turística, proponse o deseño de produtos e rutas de turismo accesible. Para lograr a complicidade da sociedade, en xeral, e do sector turístico, en particular, promoveranse campañas de sensibilización. Tamén formación en materias de lexislación sobre accesibilidade e de atención ao cliente con diversidade funcional e necesidades diversas, xunto a unha guía de boas prácticas.

Galicia fomentará en feiras especializadas a súa imaxe como destino accesible, deseñando material promocional dirixido a este segmento e viaxes de familiarización. No marco do Plan de accesibilidade turística, aumentaranse igualmente as sinerxias entre o sector público, o privado e o movemento asociativo representativo de persoas con diversidade funcional.

Un Camiño de Santiago sen barreiras


Na súa intervención, Nava Castro reivindicou que “o Camiño de Santiago non ten fronteiras e pola mesma razón non pode ter barreiras”. “Non é posible unha verdadeira acollida se persisten obstáculos que a dificultan”, engadiu. A Ruta Xacobea, polas súas particularidades, dispón dun apartado específico para cuxa redacción examináronse os diferentes itinerarios.

A Xunta aspira a que sexa unha experiencia totalmente inclusiva e cuxa adaptación sirva de aliciente para o resto do sector turístico, segundo expuxo a directora de Turismo de Galicia. Neste sentido, lembrou que a Rede Pública de Albergues dispón de habitacións e aseos adaptados, ademais de sinalización comprensible. O plan inclúe medidas para afondar nesta liña dispoñendo de información accesible en función das necesidades dos peregrinos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/07/2017