A Xunta abre o próximo luns o prazo para solicitar as axudas á contratación dirixidas a empresas de inserción laboral

O DOG vén de publicar esta iniciativa coa que o Goberno galego pretende apoiar a inserción no mercado de traballo das persoas en risco de exclusión social

O programa, con contías que poden alcanzar os 12.000 euros, inclúe este ano novidades tendo en conta as principais demandas do sector, como é a posta en marcha dunha liña de apoio específica para formación con ata 3.000 euros

A actuación de Economía, Emprego e Industria enmárcase no plan para impulsar o emprego inclusivo, dotado con 7,6 millóns para beneficiar a 900 persoas en risco de exclusión social

O Goberno galego investirá este ano a través da Axenda 20 un total de 22 millóns de euros para promover a integración e calidade no traballo das persoas máis vulnerables

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2017
  • whatsapp

A Xunta abre o próximo luns, día 17, para solicitar os apoios ás empresas de inserción laboral para a contratación de persoas en risco de exclusión social. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria de axudas dotada con preto de 400.000 euros. A iniciativa forma parte do plan da Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar o emprego inclusivo, dotado con 7,6 millóns de euros, para beneficiar a 900 persoas en risco de exclusión, e que inclúe, ademais destas axudas, apoios a concellos para a contratación de perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) e incentivos á contratación dirixidos a pemes para empregar a colectivos desfavorecidos.

A actuación, que conta con contías que poden alcanzar os 12.000 euros por posto de nova creación, mellórase este ano incluíndo as principais demandas do sector. Deste xeito, amplíase a duración máxima dos contratos de inserción, pasando de dous a tres anos; increméntase o custe das axudas á asistencia técnica (realización de auditorías contables, sociais ou certificacións de calidade), pasando do 50% ao 80%; introdúcese unha nova liña de axudas específica para a formación de persoas en proceso de inserción cun máximo de ata 3.000 euros; e financiarase ao 100% o custo dos gastos de inicio e posta en marcha da actividade ata o límite máximo de 12.000 euros por empresa de inserción laboral. As axudas poderán solicitarse ata o 4 de setembro.

A Xunta con este programa, ademais, financia o 100% do salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa en proceso de inserción contratada ou o 50% dos custos laborais totais, cun límite máximo de 8.000 euros por xornada completa, para a contratación de xerentes ou técnicos que garantan a viabilidade técnica, económica o financeira da empresa de inserción laboral. Así mesmo, este programa prevé axudas máximas de 12.000 euros pola contratación dun orientador. Finánciase tamén a realización de accións de mediación laboral para a contratación de persoas en inserción no mercado laboral ordinario, priorizando a contratación indefinida.
As axudas van dirixidas non só ás empresas de inserción laboral, que defenden os intereses das persoas en situación de risco de exclusión a través da inserción social e laboral, senón tamén a entidades sen ánimo de lucro e fundacións, aínda que os destinatarios finais destas axudas son as persoas desempregadas en risco de exclusión.

Para ser beneficiarios destes apoios da Xunta, cada empresa deberá ter unha porcentaxe de persoas en inserción do 30% respecto do total do cadro de persoal, aplicar o 100% dos resultados ou excedentes dispoñibles en cada exercicio á mellora ou ampliación das estruturas produtivas e de inserción ou a programas de inserción laboral das entidades promotoras e non se apoiarán as contratacións inferiores ao 50% da xornada laboral nin inferiores a seis meses.

Esta iniciativa está enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, á que o Goberno galego destina este ano 22 millóns de euros para promover a integración e calidade no traballo dos colectivos máis vulnerables.

A aposta da Xunta polo emprego inclusivo reflíctese no apoio que está dando aos colectivos máis vulnerables, primando este ano a creación de postos de traballo dos que máis o necesitan cunha maior intensidade de axuda para os colectivos con máis dificultades para acceder ao emprego, entre os que se encontran as persoas con discapacidade.

Data de actualización: 15/07/2017