As empresas que aspiran a prestar os servizos do novo Plan de transporte público de Galicia terán de prazo ata o vindeiro mércores para presentar as súas ofertas

O prego de condicións dos 41 contratos de transporte público responde á vontade de facilitar a participación das pemes e de primar a calidade e a seguridade na prestación do servizo sobre os aspectos económicos das ofertas

Nos dez contratos de menor volume priorizaranse as ofertas que presenten as pequenas empresas

As ofertas valoraranse conforme a criterios obxectivos tales como a antigüidade dos vehículos, os cintos de seguridade ou a dotación dunha base ou instalación fixa

O prego prevé xa as esixencias técnicas necesarias para facer posible a posta en marcha dos plans de transporte metropolitano nas áreas de Ourense e Pontevedra

Nas ofertas para transportes escolares compartidos puntuarase a estabilidade e a experiencia laboral do persoal acompañante

Terase en conta o incremento de quilómetros de servizos sobre os establecidos nos proxectos de explotación, ademais da oferta para servizos complementarios

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2017
  • whatsapp

As empresas que aspiran a prestar os servizos do Plan de transporte público de Galicia terán de prazo ata o vindeiro mércores, 19 de xullo, para presentar as súas ofertas. Será entón cando finalice o período de cinco días naturais que establece o prego para a remisión de propostas, a contar desde a xornada seguinte á da recepción das convocatorias, que foron remitidas no día de hoxe pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

O prego de condicións que rexe o proceso de contratación das 41 novas concesións de transporte público de Galicia recolle a vontade de facilitar a participación das pequenas e medianas empresas e de primar a calidade e a seguridade na prestación dos servizos sobre os aspectos económicos das ofertas.

Co primeiro dos obxectivos, e na liña do acordo do Consello da Xunta, cada grupo empresarial poderá resultar adxudicatario dun máximo de 10 contratos de transporte público. Ademais, nos dez contratos de menor volume priorizaranse as ofertas que presenten as pequenas empresas.

Na procura do reforzo da calidade e da seguridade na prestación dos servizos de autobús, na valoración das ofertas teranse en conta aspectos tales como a antigüidade máxima e media dos vehículos, os cintos de seguridade ou a dotación dunha base ou instalación fixa que permita acurtar os tempos de resposta.

Estes criterios obxectivos establecidos para a adxudicación dos contratos terán un peso diferente en función do tipo de servizo do que se trate. Desa forma, por exemplo, para as liñas que operen nos contornos metropolitanos puntuarase o compromiso de instalación de dispositivos de cobro homologado coas tarxetas do Transporte Metropolitano de Galicia (TMG).

Ademais, o prego prevé xa as esixencias técnicas necesarias para facer posible a posta en marcha dos plans de transporte metropolitano nas áreas de Ourense e Pontevedra.

No caso dos servizos de transporte escolar de uso compartido cobrará especial relevancia a adscrición de vehículos provistos de cintos de seguridade. Nestes servizos valorarase tamén a estabilidade e a seguridade do persoal acompañante para garantir a calidade do servizo.

Terase en conta o incremento de quilómetros de servizos sobre os establecidos nos proxectos de explotación, ademais da oferta que se presente para a realización de servizos complementarios.

Garantía de empregos e transporte a partir de agosto
O inicio do prazo para a presentación de ofertas é un paso máis na tramitación prevista para a posta en marcha do Plan de transporte público de Galicia no vindeiro mes de agosto. Será entón cando se materialicen as renuncias presentadas polas empresas ás concesións de transporte, que deixarán sen funcionamento máis de 570 liñas de transporte público.

Conforme á nova normativa europea, que prohibe as prórrogas das concesións de transporte, a Xunta de Galicia activou un procedemento extraordinario para garantir a existencia de servizos de autobús nos ámbitos afectados polas renuncias empresariais. Ese procedemento está recollido nesta primeira fase do Plan de transporte público de Galicia, que prevé contratos por un período de dous anos, ata que no ano 2019 se poña en marcha a reordenación integral de concesións en Galicia.

O Plan de transporte público de Galicia non só permitirá manter eses servizos e o emprego, senón que mellorará notablemente as posibilidades de mobilidade no medio rural. Iso será posible ao permitir que os veciños empreguen as prazas vacantes das liñas de autobús de transporte escolar, un sistema que ten unha rede territorial moito máis extensa que o transporte de uso xeral.

Ese uso compartido do transporte irá acompañado de melloras tamén para os escolares, cuxa atención estará blindada nos contratos, mantendo intactos os tempos de percorrido e os horarios de saída e chegada.

Ademais, incluiranse garantías máis elevadas que as previstas pola lei, ao asegurarse a presenza dun monitor acompañante escolar en todas as rutas de transporte compartido.

Data de actualización: 14/07/2017