A Xunta lidera un proxecto europeo para a transferencia de solucións nanotecnolóxicas ás pemes da eurorrexión

Na iniciativa participan oito entidades lusas e galegas, entre as que se atopan centros tecnolóxicos, universidades e centros de investigación

A nanotecnoloxía ten aplicacións en sectores como o medioambiental, a enerxía ou a medicina

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2017
  • whatsapp

A Xunta lidera o proxecto Transferencia e valorización de nanotecnoloxías a pemes innovadoras da Eurorrexión, unha iniciativa que busca transferir ás empresas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal solucións nanotecnolóxicas desenvoltas polos centros tecnolóxicos galegos e o Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía de Braga (INL).

O obxectivo é a definición de novos produtos e servizos, susceptibles de explotación comercial, que ofrezan respostas efectivas aos retos da Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal (RIS3T).

Na reunión deste proxecto, encadrado no Programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP), participaron técnicos das oito entidades participantes: Axencia Galega de Innovación, como beneficiario principal; a Universidade de Vigo; a Universidade de Santiago de Compostela; o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant); a Fundación para la promoción de la Innovación, Investigación y Desarrollo Tecnológico en la Industria de Automoción de Galicia (CTAG); a Asociación de Investigación Metalúrgica del Noroeste (AIMEN); e a Fundación Biomédica Galicia Sur - FBGS desde Galicia; e o International Iberian Nanotecnology Laboratory - INL desde Portugal.

Ao longo da reunión concretáronse as actividades inmediatas a realizar polos socios, así como o conxunto de obxectivos e tarefas deste proxecto que ten a súa data de finalización en decembro de 2019. NANOeaters conta cun financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) de 3,1 millóns de euros.

A nanotecnoloxía ten múltiples aplicacións en sectores como o medioambiental, a enerxía ou a medicina. No ámbito do medioambiente, a nanotecnoloxía emprégase no tratamento de augas residuais, no tratamento de residuos ou na detección de sustancias contaminantes.

No ámbito da enerxía permite mellorar os sistemas de produción e almacenamento de enerxía, ademais de contribuír a reducir o consumo enerxético a través do desenvolvemento de novos aillantes térmicos máis eficaces.

Tamén no eido da medicina ten aplicacións no desenvolvemento de nanotransportadores de fármacos a lugares específicos do corpo, que poden ser útiles no tratamento do cancro ou outras enfermidades, biosensores moleculares coa capacidade de detectar algunha sustancia de interese como glucosa ou algún biomarcador dalgunha enfermidade, nanobots programados para recoñecer e destruír células tumorais ou ben reparar algún tecido como o tecido óseo a raíz dunha fractura, nanopartículas con propiedades antisépticas e desinfectantes, etc.

NANOeaters busca mellorar a participación do tecido empresarial galego e portugués no desenvolvemento de novos produtos e/ou servizos aptos para a explotación comercial, baseados nas capacidades desenvolvidas polos centros de investigación que permitan o desenvolvemento de nanotecnoloxías.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/07/2017