O Tribunal Superior de Xustiza permite a continuidade do Decreto de vivendas de uso turístico de Galicia

O máximo órgano do poder xudicial da Comunidade Autónoma recoñece que este decreto ofrece un marco de seguridade xurídica tanto para usuarios como para propietarios deste tipo de alugueiro

Desestima así na súa totalidade a medida cautelar de suspensión da normativa, solicitada meses atrás por unha asociación de vivendas turísticas

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2017
  • whatsapp

O máximo órgano do poder xudicial da Comunidade Autónoma permite a continuidade do Decreto de vivendas de uso turístico de Galicia, que entrou en vigor o pasado 10 de maio para ofrecer un marco de seguridade xurídica tanto aos particulares como aos inquilinos deste tipo de alugueiro.

Deste xeito, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de desestimar na súa totalidade a solicitude de suspensión deste decreto feita meses atrás por unha asociación de vivendas turísticas, sinalando que falta acreditación dos prexuízos que coa suspensión se tratan de evitar.

No auto, o TSXG considera que o decreto galego de vivendas de uso turístico non limita nin restrinxe a competencia, senón que pon en orde a oferta nun ámbito relevante, incrementando a seguridade de que todos os ofertantes se acomoden a unhas mesmas esixencias e a garantía para os consumidores.

Maior seguridade xurídica
Desde a entrada en vigor do Decreto de vivendas de uso turístico, as solicitudes presentadas avanzan a bo ritmo, xa que nos primeiros dous meses dende a súa entrada en vigor presentáronse máis de 3600 solicitudes en toda Galicia. Este bo ritmo de solicitudes xeral demostra que o decreto non está a diminuír a oferta deste tipo de aloxamentos, senón que a está a incrementar debido á maior seguridade xurídica para poder exercer a competencia.

O decreto galego de vivendas de uso turístico redactouse con transparencia e man a man co sector, recollendo as súas inquedanzas, coa intención de elaborar un documento consensuado, flexible e de moi sinxela aplicación, sendo un dos decretos menos restritivos en comparación con outras comunidades autónomas.

Data de actualización: 14/07/2017