Os oito centros tecnolóxicos galegos con recoñecemento estatal optan aos contratos-programa da Xunta

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha unha convocatoria de axudas dotada con 1,87 millóns co obxectivo de impulsar a súa competitividade e a captación e retención de talento

Aimen, Anfaco-Cecopesca, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Energylab, Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) e o Centro Tecnolóxico da Auga (Cetaqua) son as entidades que se presentan a estes apoios que achegan financiamento estable

Tamén se beneficiarán de contratos-programa as fundacións sanitarias e os centros galegos do CSIC e o Instituto Español de Oceanografía (IEO), ata sumar un orzamento total de 3,2 millóns de euros
 

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2017.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), ten en marcha unha convocatoria de axudas dotada con 1,87 millóns de euros para a posta en marcha de contratos-programa cos centros tecnolóxicos e de apoio á innovación galegos recoñecidos pola súa excelencia no rexistro estatal do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.

Á convocatoria, rematado o prazo de presentación, presentáronse as oito entidades que cumprían os requisitos: Aimen, Anfaco-Cecopesca, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Energylab, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) e o Centro Tecnolóxico da Auga (CETAQUA).

Estes apoios poñeranse en marcha a través de contratos-programa, que ofrecen financiamento estable vinculando a achega pública aos resultados obtidos por cada centro en transferencia de coñecemento ou captación de fondos competitivos.

De forma paralela, a Consellería destina 1,34 millóns de euros á sinatura de contratos-programa cos centros de investigación sanitaria da Fundación de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez; a Fundación Profesor Novoa Santos, a Fundación Biomédica Galicia Sur, e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica,así como cos centros galegos do Instituto Español de Oceanografía e do Consello Superior de Investigacións Científicas.

En total, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través de GAIN, destina 3,2 millóns de euros a estes contratos-programa cos que se promove a excelencia científico-técnica e a posta en valor do coñecemento, impulsando tamén a colaboración co tecido empresarial para potenciar o impacto na competitividade das empresas e o crecemento da economía galega. Ademais, a través dos contratos-programa axúdase aos diferentes centros a orientar a súa estratexia a medio prazo e potenciar as principais liñas de investigación.

Esta actuación encádrase na Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), tendo como finalidade a consolidación dos centros de coñecemento a través do funcionamento dos seus gastos estruturais.

Entre os 12 centros empregan a máis de 1.800 persoas, realizan anualmente máis de 700 proxectos de I+D+i e prestan servizo a máis de 2.500 empresas. Os contratos-programa son unha fórmula que garante a súa competitividade e que implica o cumprimento de esixentes indicadores de xestión e de resultados por parte de cada centro para determinar as súas dotacións. Configúranse así como unha vía con gran potencial para a atracción e retención de talento mediante actuacións centradas no capital humano, na liña de programas como o Oportunius ou o Principia.

Data de actualización: 16/07/2017