Un proxecto de mellora de firme reparará as estradas da Xunta na Costa da Morte cun investimento de 750.000 euros

As obras comezan mañá luns e executaranse durante os vindeiros catro meses

Os traballos centraranse no fresado e posterior reparación das zonas danadas cunha nova capa de aglomerado

A Coruña, 16 de xullo de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda inicia mañá luns o proxecto de mellora de firme nas estradas autonómicas que discorren por Cabana, Carballo, Cee, Corcubión, Fisterra, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas, que conta cun investimento de 750.000 euros e un prazo de execución de catro meses. As vías que mellorarán grazas a esta iniciativa son a AC-429, AC-418, AC-552, AC-445, AC-440, AC-424, AC-432 e AC- 441.

Os traballos máis importantes consistirán no fresado do pavimento para reparar a base de capas de microaglomerado en frío. Ademais, as obras tamén permitirán o selado das fisuras lonxitudinais non estruturais da capa de rodaxe, a mellora e reforzo da sinalización vertical e a reposición da sinalización vertical afectada.

O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, visitou algunhas das estradas nas que se van a levar a cabo as actuacións, acompañado polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíños. Destacou que “este proxecto, ademais de axudar a manter a conservación das nosas estradas, tamén permitirá acadar un incremento da comodidade dos usuarios e da seguridade viaria”. Rodeiro Tato tamén quixo desculparse cos usuarios “xa que por mor da execución destas obras deberán realizarse cortes alternativos nos carrís de circulación”.

Este proxecto forma parte dun plan de mellora das estradas autonómicas na provincia da Coruña para este ano, que no seu conxunto permitirá a reparación e conservación de 20 vías diferentes cun investimento de 4.210.000 euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/07/2017