A directora de Turismo de Galicia visita o espazo gastronómico capitaneado polo chef Pepe Solla no festival PortAmérica

Nava Castro eloxia a fusión das propostas musicais e a nova cociña galega coa presenza de diez Estrelas Michelin que elaboraron diferentes pinchos gourmet

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2017
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou o espazo gastronómico do festival PortAmérica, unha das citas musicais do verán na Comunidade galega. Capitaneado polo chef Pepe Solla, que conta cunha Estrela Michelin no seu restaurante Casa Solla de Poio, o chamado ShowRocking converteuse nos últimos días nun imprescindible para os visitantes grazas ás propostas de ata dez cociñeiros Estrelas Michelin e 20 Soles Repsol, que realizaron pinchos gourmet a prezos populares.

Na súa visita ao PortAmérica, Nava Castro eloxiou a fusión das propostas musicais e da nova cociña galega, que achega un valor engadido a un dos festivais máis destacados da temporada musical en Galicia. Nel, os participantes gozan, ademais, da natureza, que é a primeira razón pola que cada vez máis turistas elixen visitar a Comunidade, precisamente xunto á gastronomía. Nomes de recoñecido prestixio como Javier Olleros, Yayo Daporta, Xoán Crujeiras, Iván Domínguez, Julio Sotomayor e Daniel Guzmán estiveron presentes.

Todos eles, xunto a outros moitos, elaboraron propostas culinarias como Tomate e herbas do Grove, de Olleros; A filloa que chegou de México e quería ser fajita, de Solla; Bocata si ou non de chocos en tinta con emulsión de Padrón, de Daporta; Pato barberie, ensalada de algas, escabeche e herbas do litoral, de Crujeiras; Coliflor, kimchi e mexillóns, de Domínguez, e Polbo mariñado, cuscús de calamar e ramallo, de Sotomayor e Guzmán.

Algúns como Javier Olleros ou Pepe Solla participaron este días, xunto a directora do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), Marta Fernández, nos faladoiros celebrados no PortAmérica, nos que se debateu sobre a realidade da enogastronomía baixo os títulos de Estado actual da gastronomía galega ou A cociña galega como elemento dinamizador.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/07/2017