Nava Castro subliña as enormes posibilidades do turismo náutico pola navegabilidade das rías galegas e as boas infraestruturas

A directora de Turismo de Galicia participou na apertura do Rally Rías Baixas 2017, que organiza Irish Cruising Club, a asociación náutica irlandesa máis importante

Máis de 200 tripulantes a bordo de 60 embarcacións participan nesta competición náutica de 12 días de duración entre os portos de Portosín e Baiona

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2017
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na cerimonia de inicio oficial do Rally Rías Baixas 2017, organizado polo Irish Cruising Club, a asociación náutica irlandesa máis importante. O acto, celebrado no Real Club Náutico de Portosín, supón a apertura da competición que nos próximos 12 días percorrerá as Rías Baixas con máis de 200 tripulantes a bordo de 60 embarcacións.

Nava Castro deu a benvida aos participantes e subliñou a enorme potencialidade coa que conta o turismo náutico galego, grazas ás posibilidades de navegación das rías durante todo o ano e a calidade das infraestruturas dos portos deportivos, en moitos dos cales ondea a bandeira azul e que, ademais, son distinguidos coa Q de Calidade Turística.

“A náutica galega mellorou nos últimos anos de xeito significativo”, subliñou a directora de Turismo, que aludiu a cuestións como a capacidade de amarre, a difusión de actividades, a creación de empresas ou a organización de eventos como o propio Rally Rías Baixas, que contribúen “a facer do turismo náutico un factor de desenvolvemento para a Galicia costeira”.

Ao longo de doce días, os participantes nesta competición deportiva recalarán en diversas vilas mariñeiras como A Pobra do Caramiñal ou Combarro, ata rematar en Baiona o día 28 de xullo. Na súa estancia, poderán gozar da gastronomía e do patrimonio natural e cultural da Comunidade, con visitas a enclaves representativos como o Castro de Baroña.

Un destino cada vez máis internacional
A directora de Turismo lembrou na súa intervención que Galicia “estase a converter, cada día con máis intensidade, nun destino internacional”. Nos cinco primeiros meses deste ano, xa recibiu un 9% máis de viaxeiros estranxeiros, que realizaron un 12% máis de pernoitas. Con estes números, a Comunidade acada rexistros nunca vistos entre xaneiro e maio.

Para acompañar este crecemento, ata os 6 millóns de turistas que se prevén para o inicio da próxima década, o Goberno galego está traballando da man do sector en base á Estratexia do turismo de Galicia 2020, á que Nava Castro se referiu como “a folla de ruta deseñada para fortalecer a nosa calidade como destino, onde os viaxeiros poidan gozar sen présas”. Esta planificación conta cun orzamento total de 240 millóns de euros para traballar en varias direccións: o territorio, que absorbe a maior parte dos fondos, a gobernanza e a proxección.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/07/2017