O Salón Teatro recibe a David Luque para impartir un taller sobre a técnica Chejov a 25 profesionais galegos

Baixo o título ‘A emoción no corpo’, o actor desenvolverá ata o venres 25 horas lectivas en cinco sesións teórico-prácticas sobre o xeito de poñer as reaccións e impulsos cotiáns ao servizo da interpretación

O CDG cubriu todas as prazas ofertadas para a súa primeira cita formativa de verán, á que seguirá a vindeira semana outro curso, desta volta sobre adestramento físico e a cargo de Daniel Abreu

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2017.- O Salón Teatro, a sede do Centro Dramático Galego (CDG) en Santiago de Compostela, acolle ata o venres 21 o taller A emoción no corpo, no que o polifacético actor e creador madrileño David Luque afondará na técnica Michael Chejov e nas reaccións corporais ás emocións como exercicio de interpretación escénica.

No curso, que esgotou todas as prazas ofertadas, participan 25 actrices e actores profesionais ou con formación previa e 12 alumnos e alumnas en calidade de ouvintes, entre os que se atopan estudantes e profesionais de todos os ámbitos das artes escénicas.

Luque empregará a técnica Michael Chejov para poñer ao servizo da interpretación actoral todas as reaccións, sensacións e impulsos experimentados a diario, co obxectivo de transformalos en ferramentas útiles e valiosas para abrir as portas dos sentimentos e as emocións sobre o escenario. O obxectivo é descubrir como certos movementos poden animar eses mesmos impulsos e reaccións para que o intérprete non force as emocións. Así, o movemento estimulado polo maxín transformarase nun medio óptimo para abrir con sinxeleza a porta á emoción.

Fomación multidisciplinar


Formado na Escola de Teatro Mar Navarro e Andrés Hernández na técnica de Jacques Lecoq, completa a súa formación coa licenciatura en Filoloxía Inglesa pola Universidad Autónoma de Madrid. Do 2000 ao 2008 entra a formar parte do elenco estable do Teatro de La Abadía. Cursa estudos de danza con Francesc Bravo, de acrobacia con Helena Lario, canto e música no Conservatorio de Música Maestro Barbieri e clarinete con Joan Espasa. No Teatro de la Abadía participa en numerosas montaxes da man de José Luis Gómez, Hansgünter Heyme, Dan Jemmett ou Hernán Gené. Entre os seus últimos traballos destacan El Público (Àlex Rigola), Oficina para las vidas post-idénticas (Matthias Rebstock), Platonov (Gerardo Vera), La colmena científica (Ernesto Caballero) ou Las dos bandoleras (Carme Portacelli).

En cine traballou ás ordes de Carlos Saura, Milos Forman, Roberto Santiago ou Ángeles González Sinde. En televisión participou en series como El Ministerio del tiempo, Bandolera e El síndrome de Ulises, entre outras. Máis recentemente foi o protagonista do filme Teresa.

Como tradutor ten publicados para Alba Editorial La preparación del director. Siete ensayos sobre teatro y arte de Anne Bogart e Lecciones para el actor profesional de Michael Chejov.

Máis formación no Salón Teatro


A emoción no corpo
non será o único curso que se impartirá no mes de xullo no Salón Teatro xa que, a semana que vén, o bailarín e coreógrafo Daniel Abreu asumirá o segundo dos talleres programados polo CDG: A través do aire.

Neste caso, o taller centrarase no adestramento físico dos actores e actrices e terá unha duración total de 20 horas. Nel, os participantes poderán traballar sobre como desenvolverse de forma máis libre no escenario mediante xogos, improvisación e coreografías.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/07/2017