Medio Rural dá un paso máis para mobilizar terras no contorno do Val de Lemos

A conselleira presentou os avances desta iniciativa, que beneficia a cinco municipios, nunha visita ao concello de Bóveda

“Xa temos diagnosticadas terras que actualmente non producen pero que teñen boas calidades”, sinalou Ángeles Vázquez, e o obxectivo agora será poñelas en contacto con gandeiros que as precisen

En Sober está previsto iniciar outra actuación co mesmo fin que dinamizará unhas 30 hectáreas de terreos

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2017
  • whatsapp

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o concello de Bóveda para presentar os avances no proceso de mobilización de terras no contorno do Val de Lemos que comezou no 2016 en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Fundación Juana de Vega. “Levamos un ano traballando e xa temos diagnosticadas terras que actualmente non producen pero que teñen boas calidades para facelo e tamén a demandantes”, sinalou Ángeles Vázquez, que explicou que precisamente se apostou por esta zona xeográfica porque conxuga estes dous factores primordiais: dunha banda, a necesidade de terras por parte dos gandeiros, e doutra, ser un entorno “tremendamente produtivo”.

En concreto, a iniciativa pretende mobilizar unhas 300 hectáreas de terreos en cinco concellos distintos: Monforte de Lemos, Pobra do Brollón, Sober, Pantón e Bóveda. Para iso, en 2016 asinouse un convenio de colaboración coa USC e Juana de Vega para a identificación de terras e posibles explotacións e cooperativas interesadas. Agora, unha vez rematada esta fase, iníciase a última que pasa por contactar ambas partes para poñer en cultivo amplas zonas, fundamentalmente con cereais para o gando. Faise a través dun novo convenio coa Fundación Juana de Vega cunha achega de 71.164,73 euros. O prazo de execución remata en decembro de 2018.

A conselleira definiu este proxecto como “moi alentador” porque loita contra o abandono de terras ao tempo que favorece ás granxas e, polo tanto, dinamiza económica e socialmente o entorno. Pola súa banda, o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, que acompañou á titular de Medio Rural, definiu esta como “unha boa noticia” para a contorna. Á visita asistiron tamén o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

Tamén neste entorno, e grazas aos fondos do crédito extraordinario recibidos polo cumprimento do déficit, en Sober preténdese levar a cabo outro proxecto de mobilización de terras. Para iso, vanse analizar as terras improdutivas na parroquia de Proendos, unhas 30 hectáreas aproximadamente, para poñelas en valor.

Hoxe, a conselleira aproveitou a súa visita á provincia de Lugo, para visitar tamén estes terreos en compañía dos seus donos e dos titulares de varias explotacións que xa mostraron o seu interese por utilizalos.

Outros proxectos


Evitar o abandono de terras é unha das prioridades desta consellería e, de feito, está creando distintas ferramentas que comparten o mesmo fin: a dinamización dos terreos para que sexan produtivas.

Neste sentido, destacan as reestruturacións parcelarias, pero para lograr unha ferramenta máis rápida creouse o modelo Marcos, un novo instrumento de reestruturación parcelaria máis áxil e de baixo custo para facilitar a mobilidade en zonas de tamaño pequeno (entre 50 e 200 hectáreas).

Doutra banda, a posta en marcha das Unidade de Asesoramento e Xestión de Explotacións (Uaxes) permitirán tamén o movemento de terras e activos entre explotacións, especialmente daqueles gandeiros que se xubilan. Ademais de proxectos puntuais en distintos lugares de Galicia, destaca tamén a cesión de predios sen interese agrario para o Banco de Terras e que se irán cedendo aos concellos, como xa se fixo en Vedra. Polo tanto, son distintas iniciativas en diferentes puntos de Galicia que se poñen en marcha co fin último de contribuír a mellorar o sector agrario e evitar o abandono das nosas terras.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/07/2017