A Xunta valora que se teña en conta o gasto sanitario á hora de abordar o novo modelo de financiamento autonómico

Alfonso Rueda participou na segunda reunión preparatoria da VI Conferencia de Presidentes, que se celebrará o 17 de xaneiro

Destaca o acordo acadado polos conselleiros autonómicos para desenvolver unha Estratexia nacional fronte ao reto demográfico

Madrid, 11 de xaneiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia de que o gasto sanitario se teña en conta á hora de abordar o novo modelo de financiamento autonómico.

Segundo explicou Rueda, ao remate da reunión preparatoria da VI Conferencia de Presidentes, os conselleiros autonómicos acadaron un amplo acordo sobre o novo modelo de financiamento autonómico que, tal e como viña reclamando Galicia, terá moi en conta o gasto sanitaria, que constitúe a porcentaxe máis alta de gasto público das comunidades.

Sobre este acordo, que se ratificará polos presidentes autonómicos o 17 de xaneiro, Alfonso Rueda detallou a próxima creación dunha comisión de expertos, con representación das comunidades, que tamén abordará o financiamento local, xa que está moi ligado co autonómico. Será esta comisión a que formule o modelo de financiamento que se fundamentará nos principios de suficiencia, equidade, transparencia, corresponsabilidade fiscal e garantía do acceso aos cidadáns aos servizos públicos.

O vicepresidente tamén destacou o acordo acadado polos conselleiros autonómicos para impulsar medidas específicas para facer fronte aos desafíos demográficos. En concreto, subliñou o compromiso para elaborar e desenvolver, por parte do Goberno de España e coa colaboración das comunidades autónomas e entes locais, unha Estratexia nacional fronte ao reto demográfico, unha circunstancia que sen dúbida tamén incide na prestación dos servizos públicos e no financiamento.

Rueda subliñou o nivel de acordos pechados nesta reunión preparatoria en materias como o pacto sobre a educación, a maior coordinación en materia de Protección Civil, a universalización dunha tarxeta social cos datos das axudas que percibe un cidadán con independencia do lugar de residencia ou mesmo a modificación do regulamento da Conferencia de Presidentes, que se celebrará con carácter anual.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/01/2017