Nava Castro lembra a importancia da formación para situar Galicia como referente do turismo termal e de saúde

A directora de Turismo de Galicia participou na inauguración dun curso de verán da Universidade de Santiago que reúne a profesionais do eido socio-sanitario

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2017
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu hoxe á inauguración dun curso de verán da Universidade de Santiago no que participa a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia. Castro deu a benvida aos profesionais do eido socio-sanitario que se reúnen para ampliar a súa formación.

Na súa intervención, a directora de Turismo lembrou a importancia que a formación ten para situar a Galicia como referente do turismo termal e de saúde e puxo en valor os avances realizados nunha oferta que, segundo afirmou, “encaixa á perfección na idea de slow turismo que propón a Estratexia do turismo de Galicia 2020”. Este documento contén as liñas de traballo do sector e da administración para favorecer a posición de Galicia como destino de máxima calidade, no que o visitante pode gozar sen présas do patrimonio natural e cultural.

Galicia conta nestes momentos con máis de 300 mananciais e 20 balnearios que ofertan preto de 3000 prazas de aloxamento. Co fin de favorecer a especialización da oferta e a súa desestacionalización, puxéronse en marcha numerosas iniciativas como a sinalización das vilas termais, a mellora das infraestruturas e a súa promoción. Así mesmo, Nava Castro subliñou a recente presentación do Vademecum das augas mineromedicinais de Galicia, publicación que pretende ser unha eficaz ferramenta para que os profesionais sanitarios dispoñan da información sobre as moitas posibilidades terapéuticas de este tipo de augas.

Desta decidida aposta estanse xa a beneficiar os turistas en xeral e os pacientes turistas coas a súas familias en particular. A directora de Turismo de Galicia resaltou, neste sentido, que todos os viaxeiros poden atopar nestes espazos un lugar ideal de descanso onde relaxarse durante as súas convalecencias ou ao final dos seus tratamentos médicos.

Data de actualización: 17/07/2017