O delegado territorial presenta a nova directora da residencia de maiores da Milagrosa, en Lugo
Lugo, 17 de xullo de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou a residencia da Milagrosa, na cidade de Lugo e presentou á súa nova directora, Sonia Árias Iglesias, que hoxe tomou posesión.

Titulada universitaria en Enfermería conta cunha ampla experiencia e variada formación especializada no ámbito da atención ás persoas maiores e en iniciativas de envellecemento activo. Na actualidade viña desempeñando as súas funcións na unidade de xeriatría do Hospital Lucus Augusti.

A residencia situada no barrio da Milagrosa, coa que comparte nome, conta con 54 prazas para residentes autónomos e un cadro de persoal de 31 traballadoras e traballadores.

Os seus residentes, ademais da mellor atención e coidados, benefícianse da recente apertura do parque biosaudable, de grande afluencia durante a primavera e o verán, no que se instalaron diversos aparatos ximnásticos, por importe próximo aos 3.000 euros.

“Somos conscientes do aumento da esperanza de vida das persoas e dos retos, oportunidades e dificultades que este fenómeno do envellecemento comporta, por iso desde o inicio da lexislatura, a Consellería de Política Social mostrou o seu compromiso coas persoas maiores e reivindicou o papel activo que cumpren na nosa sociedade"-dixo o delegado territorial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/07/2017