Medio Rural destina preto de 10 millóns de euros en axudas para investimentos en tecnoloxías forestais e a comercialización de produtos do monte

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta Orde, que ten como obxectivo fomentar a competitividade forestal e garantir unha xestión sostible dos recursos naturais

 

Santiago, 12 de xaneiro de 2017
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais para o ano 2017. O orzamento que destina o departamento que dirixe Ángeles Vázquez para esta convocatoria é de 9,6 millóns de euros.

O obxectivo principal desta liña de subvencións é fomentar a competitividade do sector forestal, garantindo a xestión sostible dos recursos naturais e a acción polo clima. Tamén se busca lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e das comunidades rurais, incluíndo a creación e a conservación de emprego.

Os posibles beneficiarios destas achegas son todas aquelas pequenas e medianas empresas do sector forestal radicadas en Galicia e inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor). Ademais, deberán acreditar a súa viabilidade económica, cumprir coa normativa ambiental e ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de subvención e un contrato de prevención de riscos laborais. Para iso, teñen de prazo 45 días –a partir de mañá- para presentar a solicitude e deberán facelo obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Actividades subvencionables


Poderanse subvencionar os investimentos para promover a valorización e a comercialización de produtos derivados dos aproveitamentos forestais; así como os investimentos en maquinaria e equipos para o aproveitamento dos produtos forestais. Tamén os custos relacionados coa mobilización, comercialización e transformación da madeira, incluídas as operacións de traballo antes do aserrado industrial nunha fábrica de aserrado (aserrado móbil ou fixo a pequena escala).

Será tamén obxecto de subvención, a implementación de plans empresariais con criterios de xestión forestal sostible e axuda ás cadeas de custodia dos sistemas de certificación forestal. En calquera caso, a axuda máxima por solicitante limitarase a 150.000 euros.

Data de actualización: 12/01/2017