Os informes do Consello de Contas ratifican que a Xunta segue facendo unha mellor xestión orzamentaria e financeira

O órgano fiscalizador destaca que Galicia volveu cumprir en 2015 os obxectivos de déficit e débeda, así como as previsións macroeconómicas

Contas constata que a Administración galega combinou altos niveis de execución orzamentaria cunha redución do gasto en xuros da débeda

Tamén destaca “a diminución significativa” do gasto imputado ao exercicio seguinte, que baixou case un 15% sobre o ano anterior

Melloran indicadores coma o aforro bruto ou o saldo primario

O informe destaca que o risco vivo nos avais do Igape reduciuse tamén un 18,7%

O Goberno galego atenderá as recomendacións do Consello de Contas para seguir mellorando a xestión financeira e o control do gasto, como vén facendo dende 2009

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2017
  • whatsapp

O informe do Consello de Contas sobre a Conta Xeral da Comunidade Autónoma do ano 2015 e o resto de informes de fiscalización publicados hoxe mostran que a Xunta de Galicia segue realizando unha xestión financeira e orzamentaria rigorosa, mellorando en eidos como o resultado orzamentario, o aforro bruto, o cumprimento dos obxectivos de estabilidade e as previsións macroeconómicas, a redución do gasto en xuros da débeda e a diminución do risco vivo nos avais do Igape.

O órgano fiscalizador destaca que en 2015 Galicia cumpriu un ano máis o obxectivo de déficit fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) e pola Lei de Orzamentos, aprobada na Cámara galega. Galicia pechou o exercicio 2015 “cumprindo en consecuencia o obxectivo de déficit previsto”, sinala o informe sobre a Conta Xeral, no que se resalta que se cumpriron as previsións macroeconómicas de evolución do PIB e de taxa de paro.

En canto á xestión do endebedamento, o Consello de Contas salienta que a Xunta de Galicia cumpriu os límites cuantitativos establecidos polo Parlamento de Galicia na Lei de Orzamentos para 2015, e tamén o obxectivo de débeda autorizado polo Goberno do Estado. Ademais, a Administración galega cumpriu un ano máis o límite de carga financeira que establece a lexislación estatal para as comunidades autónomas, e Contas constata que Galicia se consolida entre as comunidades con menor endebedamento de España.

De feito, os informes do organismo fiscalizador resaltan que a Xunta combinou en 2015 a execución no orzamento de gastos cunha redución significativa dos xuros da débeda, que permitiu un aforro de 56 millóns sobre o ano anterior. En contraste, houbo un aumento do gasto na sanidade e educación, que medraron un 10,4% e un 3,6%, respectivamente.

Ademais, os informes de fiscalización ratifican que o gasto de altos cargos e persoal eventual da Xunta reduciuse de xeito notable nos últimos anos. O Goberno galego está a aforrar máis de 6 millóns de euros ao ano porque ten un 45% menos de altos cargos que en 2008 e un 30% menos de persoal eventual, pese a que os informes publicados hoxe xa recollen a ampliación en 2015 do número de consellerías de oito a dez.

No informe sobre a Conta Xeral de 2015, o organismo fiscalizador resalta o “esforzo” da Xunta na “diminución significativa” do gasto imputado ao exercicio seguinte, que baixou un 14,7%. Ademais, pon de manifesto a mellora de indicadores coma o aforro bruto, que mide a diferencia entre ingresos e gastos correntes. O aforro bruto volveu en 2015 a taxas positivas e en 2016 mesmo duplicouse, cunha “notable recuperación” ata chegar aos 450 millóns de euros. Tamén mellora o saldo primario, que cuantifica o aforro bruto e os custos financeiros. “Galicia ten unha posición de liquidez a curto prazo”, sinala o Consello de Contas.

Redúcese o risco vivo nos avais


Entre outros aspectos, no informe sobre a Conta Xeral ponse de manifesto que o risco vivo nos avais do Igape rexistrou de novo unha “redución significativa” respecto ao ano anterior. En concreto, o Consello de Contas resalta que o risco vivo a 31 de decembro de 2015 é de 114,9 millóns de euros, o que supón unha baixada do 18,7% sobre o peche de 2014.

O organismo fiscalizador tamén resalta que a Administración galega volveu render as contas cumprindo o prazo establecido, pese a que dende o ano pasado o prazo de rendición adiantouse ao 30 de setembro, un mes antes que en anos precedentes.

Boa situación financeira do sector instrumental


En canto á situación do sector instrumental da Xunta de Galicia, o Consello de Contas resalta “a boa situación financeira” das entidades dependentes da Administración galega. Por exemplo, o remanente e fondo de manobra situouse en 2015 en 478 millóns de euros, fronte aos 413 millóns do exercicio anterior. Ademais, o organismo fiscalizador tamén destaca que o nivel de endebedamento das entidades instrumentais da Xunta “é baixo”, e de feito reduciuse un 13% sobre o ano anterior.

Recomendacións


Unha vez coñecidos os referidos informes, a Xunta terá en conta as recomendacións do Consello de Contas para mellorar a xestión financeira e o control do gasto público, como vén facendo dende 2009. De feito, nos últimos anos a Xunta xa introduciu cambios atendendo ás recomendacións do organismo fiscalizador.

Por exemplo, xa se inclúe nos Orzamentos a práctica totalidade das entidades dependentes no ámbito subxectivo do orzamento, e un apartado específico sobre beneficios fiscais no que se explica con detalle e de forma pormenorizada a súa contía. E por primeira vez, no exercicio 2015 preséntanse modificacións nas previsións iniciais de ingresos.

En canto á transparencia, a Administración galega xa está a publicar na páxina web da Consellería de Facenda tanto a Conta Xeral da Comunidade Autónoma coma os informes sobre o grao de cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, seguindo tamén as recomendacións do organismo fiscalizador.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 21/07/2017