A Xunta ofertará nos vindeiros meses 347 cursos de formación para desempregados na provincia da Coruña

A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste máis de 11,1 millóns de euros en 130.709 horas de formación distribuídas en preto de 27.000 días lectivos

A convocatoria é por primeira vez plurianual o que posibilita que se imparta unha formación máis completa e facilita unha maior empregabilidade dos alumnos

A Coruña, 31 de xullo de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, deu a coñecer esta mañá a programación de cursos de formación para desempregados que se imparte en empresas, concellos ou entidades sen ánimo de lucro. Desde setembro e ata maio celebraranse na provincia 357 cursos dos que se van beneficiar máis de 5.200 persoas, todas elas en situación de busca de emprego.

Rodeiro sinalou que a través deste programa, no que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste máis de 11,1 millóns de euros na provincia da Coruña, impartiranse 130.709 horas de formación distribuídas en preto de 27.000 días lectivos. É unha formación avalada por certificados de profesionalidade con validez en toda España. Todos os cursos serán impartidos por entidades homologadas. No global da Comunidade, a Xunta ampliou en 15,1 millóns de euros a contía destas axudas, preto dun 40% con respecto á previsión inicial e un 70,6% con respecto ao investido en 2016.

Esta iniciativa, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, porase en marcha a partir de setembro con importantes novidades co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles, polo tanto, o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destas axudas é por primeira vez plurianual (2017-2018), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, unha maior empregabilidade dos alumnos.

Acorde coa demanda


Así mesmo, este ano dáse máis relevancia ás especialidades con maiores índices de inserción laboral. Este criterio xa se viña aplicando pero agora terá un maior peso na valoración. Así, ademais das accións con maior demanda e inserción laboral, outorgouse máis puntuación aos cursos relacionados coa Industria 4.0 e os que se vinculan coas competencias de idiomas, ofimática, tecnoloxías da información e comunicación, coñecementos financeiros, xurídicos e do funcionamento das administracións públicas.

As accións formativas que se inclúen nesta programación diríxense con carácter preferente a persoas desempregadas que sexan mulleres -especialmente vítimas da violencia de xénero-, parados de longa duración, menores de 30, persoas con discapacidade, que teñan subscrito e vixente un itinerario personalizado de inserción, en risco de exclusión social, persoas con baixa cualificación e aquelas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen acreditacións parciais. Permítese tamén a participación de ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas sempre e cando as prazas non sexan cubertas por desempregados.

Tamén, como mellora, o Goberno galego reserva unha parte da programación para a formación en competencias clave que é a dirixida a aquelas persoas sen estudos básicos. Desta forma, ao redor do 15% da oferta global dos cursos irá dirixida a este colectivo, o que permitirá cualificar a máis de 3.300 alumnos e alumnas.

Alta inserción laboral


Na actualidade estes cursos contan en xeral cunha media de inserción laboral do 56% e un 64% dos participantes soen atopar un traballo nos primeiros seis meses de rematar o curso. En ocasións, ademais, teñen a posibilidade de realizar prácticas non laborais en empresas, galegas, o que lles permite adquirir novas habilidades e mellorar o seu perfil profesional.

A formación para persoas desempregadas encádrase na Axenda 20 coa que o Goberno galego prevé, entre outros retos, o impulso de, polo menos, 80.000 novos postos de traballo ata 2020. Pretende tamén incrementar un 25% as prazas e as cualificacións profesionais. Tamén forma parte da Axenda Galicia-Industria 4.0, que contempla que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria, nomeadamente ás 29 especialidades formativas que se identifican no acordo por pertencer a familias profesionais vinculadas coa Industria 4.0.

Esta iniciativa súmase ás xa aprobadas polo Consello da Xunta neste mesmo ámbito como son o programa Cualifica FP para a formación de desempregados en centros de ESO e FP, a oferta formativa en centros propios da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a formación específica para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil. En global, a Xunta está a investir 80 millóns de euros en formación para desempregados, o que permitirá contar cunha oferta de 27.300 prazas e máis de 1.885 cursos.