Cores Tourís presenta os dous novos obradoiros de Vilagarcía de Arousa, un deles destinado aos máis novos

Beneficiaranse 35 desempregados desta localidade formándose en fontanería, carpintería, actividades deportivas e socorrismo en espazos acuáticos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina aos programas presentados hoxe 420.000 euros

Vilagarcía contou nos últimos anos con oito obradoiros e un investimento de máis de 1,5 millóns de euros destinados a este fin

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou os 23 obradoiros aprobados na provincia por un importe de 5,5 millóns de euros, dos que se beneficiarán 425 desempregados

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 31 de xullo de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís presentou esta mañá en Vilagarcía de Arousa a concesión, por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, de dous novos obradoiros de emprego para este concello, un deles de Garantía Xuvenil destinado aos máis novos.

Na presentación estivo acompañado do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela.

O primeiro dos obradoiros, Forme 17 é ordinario e favorecerá a un total de 20 desempregados en fontanería e carpintería. Tal e como asegurou Cores Tourís, este obradoiro terá unha duración de nove meses, cun investimento procedente da Administración autonómica de case 280.000 euros.

Este obradoiro está destinado a formar aos alumnos na elaboración e mantemento de mobiliario para a revalorización dos espazos públicos e no mantemento e reparación de elementos de fontanería tanto no Parque da Ravella, como nos do Castriño, Compostela, A Coca, Paeques de Carril e Vilaxoán, Xunqueira, zonas peonís do casco urbano e zonas rurais, así como na sede do obradoiro, na Escola de Música, no conservatorio de música, na biblioteca municipal e nas axencias de lectura e instalacións deportivas municipais.

O seu obxectivo último é a conservación do mobiliario urbano tanto exterior como nas dependencias interiores do concello, o que implica a optimización dos recursos propios e o aproveitamento redundando na prestación de servizos á cidadanía en condicións de calidade.

Por outra banda, Labora Xove 2017 centrarase, no eido das operacións auxiliares de actividades e funcionamento de instalacións deportivas, así como en socorrismo en espazos acuáticos. Os 15 alumnos serán menores de 30 anos e formaranse durante seis meses. Esta iniciativa contará cun investimento de 140.000 euros.

Os alumnos prepararán a asistencia operativa dos técnicos deportivos no desenvolvemento de actividades deportivas, tarefas de control de acceso, circulación, atención a usuarios e mellora da seguridade no complexo deportivo de Fontecarmoa. Tamén se encargarán da organización, control e asistencia en colaboración co Servizo Municipal de Emerxencias do concello aplicando as técnicas dos socorristas acuáticos. O obxectivo da súa formación e mellorar a seguridade nas actividades acuáticas, potenciar a actividade deportiva como recurso para a mellora da saúde e da calidade de vida da cidadanía.

Cores Tourís recordou que nos últimos anos, máis de 200 desempregados beneficiáronse de oito obradoiros no Concello de Vilagarcía, entre alumnos, titores, profesores e administrativos. En total, a Consellería de Economía destinou máis de 1,5 millóns de euros a este fin no concello arousano, onde se desenvolveron obradoiros de atención sociosanitaria, mellora de montes, xardinería, carpintería, páxinas web, dinamización de tempo libre e actividades deportivas.

O delegado territorial recordou que a Xunta vén de resolver a convocatoria deste ano dos obradoiros do emprego nos que investirá 20 millóns de euros, un 10% máis que o exercicio anterior, para aumentar as oportunidades laborais de 1.600 galegos desempregados. En total poranse en marcha 83 programas, 23 deles na provincia de Pontevedra por un importe de 5,5 millóns de euros a través dos que 425 beneficiarios recibirán formación e un contrato de traballo.

Trátase dunha iniciativa, enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional. Desenvolveranse 59 obradoiros xerais e 24 específicos (na provincia de Pontevedra 16 xerais e sete específicos) para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade, un colectivo prioritario para a Administración autonómica. De feito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria está poñendo en marcha diversas actuacións para os mozos e mozas galegos, como é o programa que se activará nas próximas semanas e que está dotado con 90 millóns para favorecer a contratación de 10.000 menores de 30 anos.

Os obradoiros de emprego, a través dos que os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan nesta convocatoria varias novidades, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de seis a nove meses. Dáse, ademais, prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do Plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.

Prímanse tamén os proxectos vinculados coa Industria 4.0 e cos sectores estratéxicos e de alto potencial da Axenda Galicia-Industria 4.0, así como aqueles que presentan unha relación co tecido empresarial do territorio. Ademais valóranse as posibilidades de inserción de cada obradoiro e a súa orixinalidade, dándose maior puntuación a aqueles con contidos innovadores, aínda que tamén se tiveron en conta os programas máis tradicionais -aqueles relacionados coa rehabilitación, mellora de espazos públicos ou atención á persoas dependentes.

Unha vez resolta a convocatoria, agora procederase á selección dos alumnos e alumnas a través das oficinas de emprego. Terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Estímase que os obradoiros comecen no mes de setembro.

No caso dos obradoiros xuvenís, os participantes deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse a aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.

Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.