Galicia é a comunidade na que máis baixa o paro en xullo e a segunda que máis incrementa as afiliacións con 22.625 máis no último ano

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado, que baixou na evolución mensual en 7.794 persoas, 251 parados menos ao día, superando ao Estado no ritmo de caída en máis de 3,3 puntos

A Comunidade galega sigue creando emprego e as 22.625 afiliacións máis con respecto a hai un ano representan o maior aumento producido nun mes de xullo desde o inicio da crise

Toca sinala que tamén crece a calidade no emprego con máis contratos indefinidos e a xornada completa, sendo Galicia unha das dúas únicas Comunidades nas que aumenta a contratación xeral con respecto ao mes pasado

O paro en Galicia tamén descende en comparación con hai un ano, en 13.586 persoas, un 6,95% menos, encadeando catro anos consecutivos de caídas e situándose en niveis de hai oito anos

O desemprego sigue descendendo nas principais variables: nas catro provincias, sete grandes cidades, en todos os sectores e colectivos prioritarios cos que traballa a Xunta

Toca salienta que os datos de hoxe volven confirmar a boa evolución da creación de emprego en Galicia e que os esforzos da Administración autonómica se centran en que esta tendencia positiva se reflicta cada vez máis nas familias galegas
 

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2017
  • whatsapp

Galicia é a Comunidade na que máis baixa o paro neste mes de xullo en termos absolutos con 7.794 persoas menos que en xuño, 251 desempregados menos ao día, e sitúase como a segunda na que máis cae o desemprego en termos relativos, nun -4,11%. Ademais, Galicia supera ao Estado no ritmo de caída en máis de 3,3 puntos. Deste xeito, valorou hoxe os datos do paro rexistrado a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, quen salientou, ademais, que a Comunidade galega segue creando emprego e de máis calidade.

Con respecto as afiliacións, afirmou que continúan en aumento. Na evolución anual soben en 22.625, un 2,32% máis, o maior incremento producido nun mes de xullo desde o inicio da crise. En palabras de Toca, xa son máis de tres anos de subidas consecutivas, desde abril de 2014, e, ademais, con respecto ao mes pasado, Galicia é a segunda rexión que máis incrementa as afiliacións en termos absolutos, despois de Cataluña.

En canto á calidade no emprego, a secretaria de Emprego afirmou que continúa consolidándose, presentando na comparativa con España un mellor comportamento tanto na evolución anual como mensual. Con respecto a hai un ano, Galicia supera o crecemento da contratación do Estado en case dous puntos. No último ano, a contratación en xeral sobe en Galicia nun 8,13%, asinándose 8.091 contratos máis, crecendo a indefinida un 11,05% e superando en máis de tres puntos o reflectido na temporal. A tempo completo increméntase nun 11,61%, máis de seis puntos que a contratación a tempo parcial. Con respecto a xuño, Galicia é unha das dúas únicas comunidades na que a contratación crece, xunto con Canarias.

O paro, ademais, baixa tamén con respecto a hai un ano, rexistrándose 13.586 desempregados menos, é dicir, un -6,95%, o que supón xa catro anos consecutivos nos que o paro cae nun mes de xullo, un período no que a Comunidade galega restou 80.000 desempregados, un 30,34% menos (diferenza entre xullo de 2013 e xullo de 2017). Estas cifras, segundo valorou Toca, sitúan a Galicia en niveis de paro de hai 8 anos.

Toca, así mesmo, destacou que o paro segue caendo un mes máis nas principais variables: nas catro provincias, as sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade económica e nos colectivos prioritarios cos que traballa a Xunta.

Con respecto ás provincias, na evolución anual Pontevedra lidera o descenso cun 7,66% menos de paro, seguida da Coruña cun -7,26%, de Ourense cun -5,52% e Lugo cun -4,40%. En canto aos sectores de actividade, a construción é onde máis baixa cun -18,89%, seguido da industria cun -11,14% e da agricultura e a pesca cun -9,64%. Nos menores de 30 anos descende nun -7,33%, nas mulleres nun -3,96% e nos parados de longa duración nun
-8,64%. Con respecto a este último colectivo, Toca sinalou que case dous de cada tres persoas que saíron do desemprego no últimos 12 meses eran parados de longa duración.

Os datos reflectidos este mes, tal e como apuntou a secretaria xeral de Emprego, volven a confirmar “a boa evolución da creación de emprego en Galicia”. Explicou que este indicador, o do paro rexistrado, sumado a outros como a EPA, as exportacións, o PIB ou o IPI demostran que “a economía galega continúa en recuperación”. Subliñou, ao respecto, que para manter este “bo ritmo”, a Xunta está centrando os seus esforzos en que esta tendencia positiva se reflicte cada vez máis na situación das familias galegas, a máxima prioridade para o Goberno galego, segundo Toca.

Deste xeito, explicou que a Administración autonómica sigue executando a Axenda 20 coa que se está logrando, tal e como afirmou a responsable de Emprego, máis oportunidades laborais para os traballadores galegos. Ao respecto, avanzou que o Consello da Xunta aprobará mañá novas medidas encamiñadas a favorecer a cualificación e contratación dos galegos, que se suman a outros programas que recentemente se aprobaron como os obradoiros e programas integrados de emprego, unidades formativas nas empresas, cursos para desempregados ou o bono autónomo de 3.000 euros que xa se pode solicitar. Todas estas iniciativas buscan, segundo asegurou a secretaria de Emprego, “a creación de polo menos 80.000 novos postos laborais ata 2020 para mellorar a calidade de vida dos nosos cidadáns”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/08/2017