O Sergas destaca importantes melloras nas condicións laborais do persoal da sanidade na última lexislatura

A división de Recursos Humanos do Sergas tramitou un novo pacto de contratación, un plan de estabilidade laboral, concursos de traballos periódicos e a realización de OPEs anuais

Ademais, a directora de Recursos Humanos lembrou onte en mesa sectorial a mellora das condicións laborais do persoal da administración sanitaria coa recuperación do pago da totalidade da paga extra do ano 2012 e incrementos anuais lineais para todos os colectivos (1%)

As retribucións do persoal sanitario galego están na media das retribucións dos profesionais doutros servizos de saúde

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2017
  • whatsapp

O Servizo Galego de Saúde destaca a súa firme aposta pola estabilidade e mellora do emprego, e así lembra as importantes melloras da última lexislatura en materia de condicións de traballo. En concreto, realizouse un novo pacto de contratación temporal, un plan de estabilidade laboral aprobado en mesa sectorial, e no último trimestre deste ano 2017 aprobarase unha nova OPE cunha maior oferta de prazas que en anos anteriores.

A directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Margarita Prado Vaamonde, tamén destacou onte en Mesa Sectorial os dereitos xa recuperados como o pago da totalidade da paga extra do ano 2012, incrementos anuais lineais para todos os colectivos (1%), ou a política de flexibilización da xubilación.

Pendentes dos orzamentos


O Servizo Galego de Saúde lembra que é necesario coñecer os orzamentos da Comunidade Autónoma de 2018 e as previsións de crecemento económico antes de fixar un calendario de negociación, pois ao non contar cun respaldo económico a normativa orzamentaria non permite o recoñecemento de novos graos de carreira, nin a recuperación de acordos de incrementos retributivos.

As retribucións do persoal sanitario galego están na media das retribucións dos profesionais doutros servizos de saúde e non están conxeladas: respecto do ano 2016 os profesionais cobran o específico adicional nas pagas extras, e ademais recibiron o incremento do 1% nos seus salarios na última nómina (a de xullo) con carácter retroactivo dende o mes de xaneiro. Este ano 2017 a Xunta destinou respectivamente, arredor de 43 e 16 millóns de euros dos orzamentos da Xunta a estes fins. Ademais de 30 millóns de euros que se acaban de habilitar para reforzar a contratación.

Plan estabilidade asinado con sindicatos


Destaca especialmente a sinatura en abril deste mesmo ano do Plan de estabilidade do emprego e provisión de prazas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde 2017-2018. O pacto foi asinado cos sindicatos profesionais CESM-OMEGA, SATSE, así como polo CSIF. Este plan está a permitir reducir ata o 5% a porcentaxe que representa o persoal eventual. Este obxectivo sitúase ata tres puntos por debaixo do obxectivo asumido a nivel nacional polo Ministerio de Hacienda, do 8%. Ademais, o plan reforza o compromiso de mobilidade voluntaria dos profesionais facilitando a conciliación da vida familiar e laboral, incluíndo nos concursos de traslados prazas cubertas con nomeamentos de interinidade formalizados en execución do propio Plan de estabilidade. Tamén regula implantación ao longo deste ano dun concurso aberto e permanente para garantir unha mobilidade do persoal propietario máis áxil, cara a destinos próximos ás súas localidades de residencia ou con mellores expectativas de desenvolvemento profesional.

Data de actualización: 03/08/2017