A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas para autónomos e contratación de menores de 30 anos para impulsar o emprego xuvenil

O Goberno galego inviste 9 millóns de euros nestes apoios, que se publican hoxe no DOG, cos que prevé beneficiar a 1.200 mozos a través do Sistema de Garantía Xuvenil

A actuación inclúe tres programas: para a actividade dos traballadores por conta propia, incentivos ás empresas para a contratación indefinida e a transformación dos contratos temporais e axudas para as entidades sen ánimo de lucro

A Consellería de Economía, Emprego e Industria incrementa este ano estes apoios, que poden chegar a alcanzar os 17.234 euros, e para os autónomos elimina o requisito de investimento mínimo

Os colectivos con máis dificultades para atopar un traballo terán un 25% máis de financiamento: mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, familias con todos os seus membros en paro ou se o centro de traballo está emprazado no rural
 

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2017.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as axudas para impulsar o emprego xuvenil dotadas con 9 millóns de euros dirixidas a autónomos, empresas e entidades sen ánimo de lucro para contratar a menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil. A actuación conta con axudas superiores ás do pasado ano, que poden chegar a alcanzar os 17.234 euros.

A intensidade das contías xerais aumentará nun 25% para as mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, familias con todos os seus membros en paro ou se o centro de traballo está emprazado no rural co obxectivo de apoiar aos colectivos con máis dificultades para atopar un traballo.

A convocatoria, coa que se prevé beneficiar a 1.200 mozos e mozas, inclúe tres tipos de programas. Cun orzamento de 2,5 millóns de euros, para apoiar o inicio de actividade dos autónomos, concederanse 4.000 euros de axuda mínima, máis do triplo que en 2016, que poderá chegar aos 8.000 euros para os colectivos máis vulnerables. As contías medias o pasado ano alcanzaron os 5.000 euros. Este ano, tamén como novidade, elimínase o requisito de investimento mínimo para fomentar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais. En 2016, a través desta liña de axudas, na que se investiron máis de 2,2 millóns de euros, resultaron beneficiados 325 autónomos.

Esta iniciativa enmárcase na Estratexia Autónomo 2020 coa que o Goberno galego quere que Galicia sexa a comunidade de España con mellores apoios para este colectivo, prioritario para a Xunta.

O segundo programa que sae hoxe publicado no DOG conta cun orzamento de 3,4 millóns de euros para fomentar nas empresas a contratación por conta allea. Para iso, prevese 7.000 euros de incentivos á contratación indefinida inicial que poden chegar aos 14.000 euros e 2.500 euros por cada contrato temporal que se converta en indefinido, podendo alcanzar os 5.000 euros. Os apoios para a contratación temporal, mínima por 6 meses, oscila entre os 1.500 e 6.000 euros; os incentivos para contratos de formación e aprendizaxe, mínimo de 12 meses, poden chegar ata os 2.400 euros; e, por último, para a contratación en prácticas, mínimo de un ano, as axudas serán de ata 7.200 euros.

Nestes dous programas o prazo de solicitude rematará o 2 de outubro.

A terceira liña de actuación, na que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste 3 millóns, está destinado ás entidades sen ánimo de lucro, para incentivar a contratación dos mozos e mozas co obxectivo de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral. Para iso, as axudas oscilan entre os 8.617 euros e os 17.234 euros. Nesta liña primarase este ano como novidade o criterio de estabilidade laboral. Neste caso, o prazo de inscrición é dun mes, polo que finalizará o próximo 4 de setembro.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/08/2017