A Xunta ten aberto o prazo aos concellos para pedir axudas dirixidas a promover a integración de poboación en risco de exclusión

As subvencións irán destinadas ao investimento en centros de inclusión e emerxencia social

Tamén se financiarán actividades que teñan como obxectivo o apoio ás persoas que, polo distanciamento dos seus vínculos persoais co contorno social, precisan dun acompañamento técnico que facilite a súa inclusión

O investimento para o período 2017-2018 supera os 5,5 millóns de euros, un importe cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e polo Fondo Social Europeo
 

Santiago, 5 de agosto de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia ten aberto ata o vindeiro 24 de agosto o prazo para solicitar as axudas destinadas ao investimento en centros de inclusión e emerxencia social, así como para o desenvolvemento por parte das corporacións locais de programas para a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión. Estas achegas, que están reguladas na orde publicada o pasado 24 de xullo no Diario Oficial de Galicia (DOG), enmárcanse nas medidas incluídas na Axenda Social de Galicia, que constitúe un marco de reforzo das vías de coordinación e cooperación entre os axentes públicos do sistema de servizos sociais.

Deste xeito, a Administración autonómica busca poñer en marcha medidas que compensen as dificultades que presentan determinados colectivos, a través de impulsar o desenvolvemento de actuacións que fomenten a igualdade de oportunidades e a inclusión social dos grupos menos favorecidos.

As actividades que poderán beneficiarse destas axudas terán como finalidade a inclusión sociolaboral dos colectivos máis vulnerables a través do apoio ás persoas que precisan dun acompañamento técnico polo distanciamento dos seus vínculos persoais co contorno social ou a súa condición de inmigrante, e terán por obxecto tanto a adquisición de habilidades e destrezas como a formación básica e de tipo laboral específica e adaptada ás súas necesidades. Neste sentido compréndese a preparación para a avaliación das competencias clave esixibles para o acceso normalizado á formación e cualificación profesional, ademais de accións de mediación intercultural ou de carácter residencial.

Tamén será obxecto de financiamento un programa de educación e apoio familiar, que permitirá realizar actuacións complementarias que teñan como meta promover a adquisición, por parte das familias, de competencias e habilidades para o correcto desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas.

Por outra banda, a orde regulará unha liña de actuación de investimento en centros de inclusión e emerxencia social e unidades funcionalmente vinculadas, que contemplará a construción, ampliación, reforma e mellora dos centros, así como a adquisición de inmobles que garden unha relación directa coas actuacións anteriores; e a adquisición e instalación de equipamento e moblaxe, así como a adquisición de vehículos de transporte vinculados á prestación dos servizos propios do centro.

A vixencia das axudas comprende gastos desde o 1 de abril de 2017 ata o 30 de xuño de 2018. O orzamento desta orde, cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, cífrase en 5.557.006,92 euros, un 8,25% máis con respecto á convocatoria anterior. Deste importe total, 3,2 millóns de euros corresponden a 2017 e 2,3 a 2018.

Igualdade de oportunidades
Estas subvencións enmárcanse na Estratexia para a Inclusión Social de Galicia 2014-2020 que se centra nos procesos vinculados á inclusión social das persoas usuarias dos servizos, establecendo unha liña de axudas destinada ao desenvolvemento de accións de capacitación persoal para a mellora da empregabilidade das persoas en situación de risco de exclusión social, así como ao traballo de acompañamento social e ao apoio preciso para facilitar a participación das persoas destinatarias nos proxectos de inclusión sociolaboral. O obxectivo é impulsar a igualdade de oportunidades e a inclusión sociolaboral dos colectivos máis desfavorecidos.

A liña destinada a financiar a realización de investimentos en centros de inclusión e emerxencia social persegue a finalidade de que as corporacións locais poidan reformar ou adaptar os seus equipamentos ás necesidades dos usuarios e usuarias, ofrecéndolles servizos cunha mellora na calidade da atención ofertada.


 

Data de actualización: 05/08/2017