O presidente da Xunta visitou este mediodía a Comunidade Terapéutica de Proxecto Home en Val do Dubra
Feijóo destaca o labor de Proxecto Home como un exemplo de que a loita contra a droga é un reto que “só se pode gañar entre todos”

Incide en que que a drogodependencia é unha realidade que segue a precisar das administracións e de entidades que loiten contra ela, así como do conxunto da sociedade

Garante o compromiso da Xunta como parte activa dese “entre todos”, a través de políticas efectivas en materia de prevención, rehabilitación e inserción social

Destaca que hoxe en Galicia non se entendería sen Proxecto Home, xa que sen esta organización teriamos unha Galicia peor, menos solidaria
 

Val do Dubra (A Coruña), 5 de agosto de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o labor da Comunidade Terapéutica de Proxecto Home en Val do Dubra e referiuse á organización como un exemplo de que a loita contra a droga é un reto que “só se pode gañar entre todos”.

Durante unha visita ás instalacións, Feijóo aseverou que a drogodependencia é unha realidade que segue a precisar das administracións e de entidades que loiten contra ela, así como do conxunto da sociedade. E, nesta liña, garantiu o compromiso da Xunta como parte activa dese “entre todos”, a través de políticas efectivas en materia de prevención, rehabilitación e inserción social. “Queremos seguir sendo útiles nesta loita” reiterou, destacando, por exemplo, que no eido da reinserción este colectivo –como parte das persoas en dificultade de inserción- é prioritario para acceder á maior parte das axudas en materia de emprego.

Ao longo da súa intervención, Feijóo recoñeceu o labor dos traballadores de Proxecto Home, “que levan traballando durante 27 anos en silencio con fracasos pero tamén con éxitos”; e das familias, “o valor fundamental para saír das drogas e poñerse en pé”. E puxo en valor o esforzo de todos aqueles que decidiron “abandonar as cadeas das drogas e abrazar a liberdade da vida e da autonomía persoal”, conseguindo rehabilitarse.

O presidente da Xunta concluíu facendo fincapé en que hoxe en Galicia non se entendería sen Proxecto Home, xa que sen esta organización teriamos unha Galicia peor, menos solidaria, menos aberta e con menos posibilidades de reinserción.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/08/2017