O prazo para presentarse á convocatoria do Bono Autónomo da Xunta permanece aberto na provincia de Ourense

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, lembra que a convocatoria estará aberta ata o vindeiro 31 de agosto ou ata o remate dos fondos

Esta iniciativa, dirixida a aqueles que conten cunha empresa cun mínimo de 42 meses de antigüidade, prevé beneficiar a 1.000 persoas con ata 3.000 euros por traballador
 

Ourense, 8 de agosto de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten activada a convocatoria para solicitar o Bono Autónomo, unha nova medida pioneira en Galicia cun investimento de 3 millóns de euros e que apoiará con ata 3.000 euros por traballador a consolidación da súa empresa para aquelas que conten cunha antigüidade mínima de 42 meses e unha facturación mínima anual de 12.000 euros.

Con esta medida prevese beneficiar a 1.000 persoas que gañarán en profesionalidade, desenvolvemento estratéxico e competitividade. A Xunta anticipará o 100% da contía.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, lembra que o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 31 de agosto ou ata o remate dos fondos e anima aos traballadores que cumpran os requisitos a solicitar o Bono Autónomo. Co obxectivo de facilitar a información, colaboración e asesoramento necesario para tramitar eficazmente esta axuda, Díaz Mouteira destaca que os interesados poden resolver as súas dúbidas acudindo ao servizo administrativo de Emprego e Economía Social ou ben chamando ao teléfono 988386401.

Os beneficiarios do Bono Autónomo poderán ter acceso gratuíto a servizos de apoio para saber onde necesitan mellorar, unha diagnose que realizarán os profesionais da Rede de Técnicos de Emprego ou do Igape.

Co cheque, que se outorgará en concorrencia non competitiva, poderanse contratar servizos de mellora de xestión financeira, de optimización de procesos de produción e cadea loxística, relanzamento comercial, imaxe e comunicación e posicionamento na web. O bono tamén se poderá empregar en plans de mellora empresarial, márketing, redefinición do modelo de negocio e identificación de socios e redes de cooperación ou no financiamento de servizos que lles permitan afrontar novos retos.

A Xunta xa conta con axudas para a promoción do emprego autónomo, pero esta nova medida busca que as empresas creadas conten cos mecanismos necesarios para crecer e ampliar a súa actividade cara a novos mercados para favorecer a creación de novos postos de traballo.

Para tamén axudar á consolidación da actividade empresarial e ao inicio da posta en marcha de novos proxectos, púxose en marcha recentemente a Oficina do Autónomo na dirección www.oficinadoautonomo.gal, unha xanela única onde os interesados poderán obter información en relación ao estado e progresos dos seus expedientes abertos con calquera órgano ou unidade da propia Administración galega. Estímase unha atención media de 2.000 persoas ao ano. Esta oficina, polo tanto, é un punto unificado e integral de asesoramento e consulta de acceso telemático onde tamén se mostrará toda a información sobre as axudas aos autónomos.
 

Data de actualización: 08/08/2017