O titular da Xunta mantivo este mediodía unha xuntanza co Consello Galego de Pesca
Feijóo expón a importancia de seguir traballando conxuntamente co sector pesqueiro para abordar os novos retos como o aumento das cotas, a flexibilidade dos descartes ou o Brexit

Insiste na necesidade de esixir un xogo equitativo e igual para o sector da conserva e do conxelado, “porque hai países que non cumpren a normativa que a nós se nos pide e que están en contra da trazabilidade da conserva”

Salienta que o traballo coordinado permitiu dar seguridade xurídica aos bateeiros, “e frear as pretensións doutros de facer unha emenda á totalidade ao sector”

Reitera o compromiso da Xunta co sector primario, reflectido tamén na axenda do Goberno galego nesta nova lexislatura

Agradece e destaca o traballo e as achegas do Consello de Pesca. “É moi importante que o sector nos dea datos e opinións e, tamén, é moi importante as achegas dos científicos e expertos, así como o traballo coa da Administración española”, precisa

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2017
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, expuxo hoxe a importancia de seguir traballando conxuntamente co sector pesqueiro para abordar os principais retos de futuro como o aumento das cotas, a flexibilidade dos descartes ou o Brexit.

Durante unha xuntanza co Consello Galego de Pesca, Feijóo avogou por seguir traballando para achegar datos científicos –biolóxicos e socioeconómicos- que permitan aumentar as cotas de pesca; para simplificar a normativa, coordinar os controis e rebaixar as taxas; para, no eido dos descartes, aumentar a flexibilidade e axeitar a obriga de desembarque ao funcionamento da flota galega; e para, no que respecta á acuicultura, elaborar unha lei que naza baixo a codirección e o consenso de todo o sector.

Nesta mesma liña, referiuse tamén á necesidade de aumentar as zonas de marisqueo, “e para elo –aseverou-, é fundamental finalizar o saneamento das rías”; e á importancia de esixir un xogo equitativo e igual para o sector da conserva e do conxelado, “porque hai países que non cumpren a normativa que a nós se nos pide e que están en contra da trazabilidade da conserva”.

“Só con traballo se pode mellorar a cifra global de cotas, que medrou desde 2012 en arredor do 60%, con puntos de subida de máis do 100% en algúns casos coma o da pescada de Gran Sol. Só con traballo se pode facer que o valor económico das vendas de peixe e marisco fresco acade en 2016 a mellor cifra dos últimos 20 anos -491 millóns de euros-. E só con traballo se pode facer que 2015 fose o primeiro ano da serie histórica iniciada coa profesionalización da actividade en 2000 no que sube o número de permex de marisqueo a pé, e que desde 2014 se teña un saldo neto positivo no número de permex, estando previsto, asemade, a convocatoria de 191 novos permex para 2017”, dixo.

Así mesmo, destacou que o traballo coordinado permitiu, ademais, dar seguridade xurídica aos bateeiros, reiniciar o cómputo dos períodos concesionais, outorgando outros 30 anos -coa ampliación a 50 coa nova Lei-, “e frear as pretensións doutros de facer unha emenda á totalidade ao sector bateeiro”; incrementar as cifras de xeración laboral e aumentar a capacidade da flota en arqueo e potencia.

Ao longo da súa intervención, Feijóo afirmou que todas estas cifras poñen de manifesto o compromiso da Xunta coa reactivación do sector; un compromiso reflectido tamén na axenda do Goberno galego neste novo curso político. “A miña primeira visita a Bruxelas desta lexislatura foi para tratar asuntos de pesca; visitamos a Seafood Bruxelas, para apoiar as nosas empresas. E, nas reunións cos ministros do Goberno de España tamén estivo presente o sector, ao igual que nos encontros con outros países, onde se abordaron asuntos como o Brexit”, recordou.

O presidente da Xunta concluíu subliñando que o traballo común serviu, así mesmo, para levar a Bruxelas e Madrid unha proposta de modificación da obriga de levar a bordo dos barcos de baixura o botiquín; propoñer a modificación da potencia permitida para embarcacións de percebe, co obxectivo de que se recoñeza que a potencia é para maior seguridade; e, para amosar nunha soa voz os intereses de Galicia en relación á reforma da Política Común de Pesca.

Feijóo concluíu agradecendo e destacando o traballo e as achegas do Consello Galego de Pesca. “É moi importante que o sector nos dea datos e opinións e, tamén, é moi importante as achegas dos científicos e expertos, así como o traballo coa Administración española”, precisou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/08/2017