A Xunta insta ás empresas a informar aos usuarios dos horarios e paradas das liñas de autobús prestadas na primeira fase do Plan de transporte público de Galicia

O Goberno galego, tal e como recollen os pregos de contratación, requírelle ás empresas que coa maior brevidade posible difundan a información relativa aos servizos a prestar

Nos contratos establécese que o contratista editará e divulgará o material de información dos horarios e deberá poñela a disposición dos cidadáns nas estacións e en equipamentos como concellos, centros de saúde ou colexios

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2017
  • whatsapp

A Xunta insta ás empresas adxudicatarias dos contratos da primeira fase do novo Plan de transporte público de Galicia a informar aos usuarios sobre os horarios e paradas das liñas de autobús.

A Consellería de Infraestruturas vén de remitirlle ás empresas un escrito no que se urxe a solucionar os problemas de información que están a ter os usuarios dos servizos dende onte, día no que se puxo en servizo esta primeira fase do plan.

O Goberno galego requírelle ás empresas que coa maior brevidade posible procedan á difusión de información dos horarios dos servizos a prestar, mediante a instalación de carteis e difusión de folletos nos principais centros da demanda. Nesta información tamén deberá figurar un número de teléfono para as consultar correspondentes por parte dos cidadáns.

O Executivo autonómico lémbralles neste documento que os pregos de contratación asinados recollen explicitamente nas condicións técnicas e de explotación a obriga de difusión de información sobre os servizos. Neste sentido, establécese que o contratista editará e divulgará o material de información dos horarios e poñela a disposición dos cidadáns nas estacións e nos principais equipamentos como concellos, centros de saúde ou colexios.

A páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda xa dispón dos teléfonos de contacto das empresas e de reserva de servizo do transporte a demanda naqueles puntos nos que estea previsto. No seguinte enlace pódense consultar estas canles de información.

Seguimento

A posta en marcha do Plan de transporte público de Galicia está a desenvolverse con normalidade, pero con incidencias puntuais, que a Xunta está a traballar para solucionar o antes posible. Así, moitas destas incidencias xa están solucionadas e outras en proceso de ser resoltas.

O Goberno galego está a realizar un seguimento exhaustivo deste proceso de posta en marcha co que se constata a necesidade de que as empresas adxudicatarias do plan cumpran as obrigas que figuran nos pregos e nos contratos: tanto no sentido de achegar información aos usuarios como no de facilitar a subrogación dos traballadores e cumprir a lei e as cláusulas de estabilidade laboral acordadas entre a Xunta e os sindicatos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/08/2017