A Xunta mantén na provincia 98 dispositivos de xeolocalización que melloran as vidas das persoas con dificultades cognitivas

Os usuarios móvense coa garantía de que os seus coidadores ou familiares coñecen a súa localización e reciben avisos ante comportamentos imprevistos

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, coñeceu o servizo acompañado por Luis, veciño das Xubias de 89 anos, un dos 1.954 usuarios da teleasistencia
 

A Coruña, 9 de agosto de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe no seu domicilio a Luis Boo, un veciño do barrio coruñés das Xubias, de 89 anos de idade, que é un dos 98 usuarios na provincia da Coruña do programa de Localización de Persoas (LOPE), que financia a Xunta de Galicia. O obxecto desta visita era dar a coñecer un servizo que é fundamental para a seguridade das persoas de avanzada idade e con algún tipo de dificultade cognitiva.

O servizo de xeolocalización engade a outros servizos de Teleasistencia unha importante resposta de seguridade e tranquilidade para os familiares e coidadores de persoas con deterioración cognitiva, xa que permite coñecer a súa situación en todo momento e detectar riscos de forma automática. Está orientado para persoas con demencias, Alzheimer nas súas primeiras fases e enfermos crónicos, e é de gran axuda para coidadores, familiares e profesionais próximos.

Ofrece a localización e os movementos da persoa en todo momento, posibilitando que os usuarios poidan moverse libremente, coa garantía de que os seus coidadores ou familiares poderán coñecer a súa localización e recibir avisos ante comportamentos imprevistos. Fundaméntase na utilización por parte da persoa que debe ser localizada dun terminal móbil. Ademais, proporciona funcionalidades como definición de zonas seguras, zonas perigosas, avisos ante desprazamento en vehículo a motor, entre outras. Todo iso, xestionado desde a rede de atención de Cruz Vermella Española en Galicia.

Ovidio Rodeiro sinalou que na actualidade hai na provincia 1.954 persoas na provincia da Coruña atendidas por algún dos servizos de teleasistencia. Delas, 377 residen na cidade da Coruña. Nos últimos anos o servizo de xeolocalización vén de experimentar un crecemento exponencial: das 25 novas altas rexistradas pasouse ás 46 do ano pasado. No que levamos de 2017 xa se levan producido outras 30 novas altas.

O delegado territorial da Xunta felicitou a Luis, que antes de xubilarse fóra barbeiro no seu barrio, polo seu ánimo e predisposición. Lembrou que este servizo está implantado en Galicia desde o ano 2007, cun crecemento importante a partir do ano 2012. “Está orientado tanto a coidadores como ás propias persoas dependentes, pois nestes casos é tan importante a tranquilidade dos coidadores e familiares como a integridade física do usuario”, engadiu.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/08/2017