Os participantes no campo de traballo da Laracha acometen a recuperación e posta en valor de varias rutas de sendeirismo

Son rapaces de entre 18 e 30 anos, e proceden de Alemaña, Rusia, Francia, A Rioxa, Estremadura, Canarias, Castela e León, Aragón, Pais Vasco e Galicia

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá aos mozos e mozas, acompañado polo alcalde, José Manuel López Varela

A Laracha (A Coruña), 9 de agosto de 2017
  • whatsapp

Mozas e mozas dun campo de traballo da Consellería de Política Social na Laracha realizan labores de descubrimento e posta en valor de rutas de sendeirismo neste concello entre o 1 e o 15 de agosto. En total, son 14 participantes de entre 18 e 30 anos de idade, que proceden de Alemaña, Francia, Países Baixos, Italia, Andalucía, Estremadura, Aragón, Pais Vasco, Valencia e Galicia.

Os labores que están realizando son os de apertura de novos sendeiros e trazados en zonas de interese, limpeza da maleza e restrollos, recollida de lixo, sinalización, mellora e mantemento das rutas, identificación da flora e da fauna, exploración das posibilidades deportivas que ofrece o territorio rural e xeolocalización dos trazados.

Ademais, os participantes realizan unha serie de actividades complementarias como xogos de orientación, dinámicos e cooperativos, danzas e cancións das comunidades autónomas e países, veladas, iniciación á cultura galega, obradoiros de relaxación e masaxe ou visitas aos concellos da contorna e ás cidades da Coruña e Santiago de Compostela.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos participantes nesta actividade, organizada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López Varela.

Ovidio Rodeiro destacou que os campos de traballo “permiten a que un grupo de mozos e mozas de diferentes procedencias se comprometan de forma voluntaria e desinteresada a desenvolver un traballo de proxección social”, ao tempo que “constitúe un medio para fomentar valores como os de convivencia, tolerancia, solidariedade, participación e mobilidade”.

Os campos de traballo en Galicia, ao longo deste verán, porán a disposición de mozos e mozas da nosa Comunidade, do resto de comunidades autónomas e de países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón ou de voluntarios e voluntarias procedentes da Galicia exterior, 598 prazas. No que respecta á provincia da Coruña, esta conta con campos de traballo nos concellos da Laracha, As Pontes, Ponteceso, Vedra, Boqueixón, Coirós, Curtis, Outes, Ribeira, Rois e Betanzos que ofertan un total de 228 prazas para a mocidade.

Os campos de traballo forman parte da Campaña de verán da Xunta de Galicia O teu verán colle nunha mochila, na que tomarán parte 9.572 persoas, 526 máis que en 2016. As actividades que conforman esta campaña están dirixidas a mozos e mozas de entre nove e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade. O departamento autonómico inviste 2,9 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas mil persoas entre monitores e directores de tempo libre.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/08/2017