A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, e representantes da Garda Civil de Tráfico, realizou hoxe a entrega destas prendas á Federación Galega de Ciclismo
A Xunta distribuirá este ano máis de 600 cortaventos reflectantes entre os afeccionados ao ciclismo co fin de incrementar a súa visibilidade e fomentar condutas responsables nas estradas

Vázquez Mourelle explica que estas accións teñen como fins que os ciclistas, usuarios vulnerables nas estradas, se fagan máis visibles e os condutores respecten as normas de circulación é a distancia mínima nos adiantamentos

Precisa que o ano pasado xa se repartiron 1.000 chalecos reflectantes entre os ciclistas, unha prenda que o propio colectivo considera a máis axeitada para facilitarlles a práctica deste deporte

A Xunta, para facilitar o emprego da bicicleta en condicións de seguridade, está a impulsar o Plan de Sendas de Galicia, que entre a primeira e a segunda fase, contempla a execución de 130 novos km de itinerarios peonís e ciclistas

O Executivo autonómico, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo e coa DXT, ten identificado 12 tramos ciclistas nas estradas autonómicas, co compromiso de realizar actuacións para reforzar seguridade viaria

A conselleira puxo como exemplo a estrada AC-305, unha vía moi empregada polos ciclistas, cuxo treito A Pobra-Boiro-Rianxo-Padrón foi incluído como unha das rutas do plan de seguridade para ciclistas deseñado pola DXT
 

Boiro (A Coruña), 10 de agosto de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia distribuirá este ano máis de 600 cortaventos reflectantes entre os afeccionados ao ciclismo coa fin de incrementar a súa seguridade e fomentar condutas responsables e unha convivencia harmónica entre os distintos usuarios das estradas. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, e representantes da Garda Civil de Tráfico, realizou hoxe a entrega destas prendas á Federación Galega de Ciclismo.

Vázquez Mourelle explicou que se están a distribuír estes cortaventos entre os ciclistas, ao tratarse dos usuarios máis vulnerables das estradas, co obxectivo de previr atropelos e incidir na necesidade de que se fagan visibles cando transiten polas estradas. Precisou que o ano pasado, froito da colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Ciclismo, xa se repartiron 1.000 chalecos reflectantes entre os ciclistas.

Esta prenda é a que o propio colectivo considera como a máis axeitada para facilitarlles a práctica do deporte, xa que é de cor amarela fluorescente e ten elementos reflectantes, para facer máis visible ao ciclista, tamén en situacións de menos luz. Na parte traseira leva inscrita a separación lateral obrigatoria de 1,5 metros que deben deixar os vehículos cando rebasen á persoa que circula en bicicleta, así como O lema “Eu fágome ver”.

A titular de Infraestruturas subliñou que o Goberno galego, mediante esta prenda, busca concienciar a todas as partes, tanto aos ciclistas, para que utilicen elementos que incrementen a súa visibilidade ante o resto de usuarios; como aos condutores doutros vehículos, para que respecten as normas de circulación e a distancia mínima nos adiantamentos.

A Xunta continúa traballando en distintas medidas que incrementen a seguridade deste colectivo, tanto ciclistas deportivos como daquelas persoas que empregan a bicicleta para pasear ou nos seus desprazamentos diarios. Así, no marco do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, púxose en marcha o Plan de Sendas de Galicia, que entre a 1ª e a 2ª fase, que están en pleno desenvolvemento, se contempla a execución de 130 novos km de itinerarios peonís e ciclistas para favorecer unha mobilidade segura aos usuarios máis vulnerables das estradas.

O Executivo autonómico tamén iniciou recentemente unha nova canle de colaboración coa Federación Galega de Ciclismo e coa DXT, na identificación de treitos ciclistas nas estradas da comunidade. En total, téñense identificado 12 tramos, 3 por cada provincia, que suman preto de 700 km. Neste marco, a conselleira precisou que desde a Xunta tense asumido o compromiso de levar a cabo as actuacións necesarias para reforzar seguridade viaria nos treitos de titularidade autonómica, retirando por exemplo, posibles obstáculos das beiravías; ou colocando sinalización e paneis informativos que advirtan de que a estrada é frecuentada por ciclistas.

Ethel Vázquez puxo como exemplo que no caso da estrada AC-305, unha vía moi empregada polos ciclistas, principalmente nas fins de semana e na época estival, cuxo treito A Pobra-Boiro-Rianxo-Padrón foi incluído como unha das rutas do plan de seguridade para ciclistas deseñado pola DXT.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/08/2017