As novas ferramentas da Xunta para autónomos impulsan e consolidan a súa actividade

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe nunha xornada con autónomos e emprendedores da cidade pontevedresa na que explicou as medidas impulsadas a través da Estratexia Autónomo 2020

Esta planificación busca incorporar novas persoas ao emprego por conta propia, garantir a viabilidade dos negocios en marcha e simplificar e axilizar a tramitación administrativa

O Bono Autónomo, que se pode solicitar ata o día 31, apoia con ata 3.000 euros por traballador a consolidación das empresas que contan cunha antigüidade mínima de 42 meses co obxectivo de que gañen en competitividade

A Xunta recibiu máis dun milleiro de solicitudes na primeira semana da posta en marcha desta iniciativa, das que máis de 400 pertencen á provincia pontevedresa

O Goberno galego tamén ten en marcha a Oficina do Autónomo, un canle onde os interesados poden obter información sobre o estado dos seus expedientes abertos con calquera órgano ou unidade da propia Administración galega

As axudas para o inicio da actividade e contratación indefinida continúan abertas ata o 2 de outubro e suman máis de 20 millóns de euros

Pontevedra, 10 de agosto de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Pontevedra nunha xornada informativa con autónomos e emprendedores na que expuxo os novos mecanismos cos que conta a Xunta para impulsar e consolidar o emprego autónomo.

Así, Toca explicou que a través da Estratexia Autónomo 2020 vén de activarse o Bono Autónomo, unha axuda con ata 3.000 euros por traballador, dirixido a apoiar a consolidación das empresas que contan cunha antigüidade mínima de 42 meses e unha facturación mínima de 12.000 euros. Son os principais requisitos desta medida, que se pode solicitar ata o vindeiro 31 de agosto ou ata o remate dos fondos, coa que se pretende que os beneficiarios poidan gañar en profesionalidade, desenvolvemento estratéxico e competitividade. A Xunta, que inviste nesta actuación tres millóns de euros, anticipa o 100% da contía. Na primeira semana da posta en marcha desta iniciativa, a Xunta recibiu máis dun milleiro de solicitudes, das que máis de 400 corresponden á provincia de Pontevedra.

Con este cheque, tal e como apuntou Toca, pódense contratar servizos de mellora de xestión financeira, de optimización de procesos de produción e cadea loxística, relanzamento comercial, imaxe e comunicación e posicionamento na web. O bono tamén pódese empregar en plans de mellora empresarial, márketing, redefinición do modelo de negocio e identificación de socios e redes de cooperación ou no financiamento de servizos que lles permitan afrontar novos retos.

Para tamén axudar á consolidación da actividade empresarial e ao inicio da posta en marcha de novos proxectos, o Goberno galego tamén ten xa en marcha a Oficina do Autónomo na dirección www.oficinadoautonomo.gal, que actúa como xanela única onde os interesados poderán obter información en relación ao estado e progresos dos seus expedientes abertos con calquera órgano ou unidade da propia Administración galega. Esta oficina é un punto unificado e integral de asesoramento e consulta de acceso telemático onde tamén se mostra toda a información sobre as axudas aos autónomos.

Outras medidas activas son os apoios para o inicio da actividade e para a contratación indefinida, que suman máis de 20 millóns de euros. As axudas poden solicitarse ata o 2 de outubro. A Xunta aprobou, ademais, un programa específico para os menores de 30 anos que prevé axudas que se duplican con respecto ao programa xenérico. Os autónomos, ademais, teñen cada vez máis presenza nos instrumentos do Igape como son nos programas Galicia Rural Emprende ou Galicia Emprende.

A secretaria de Emprego, ademais, avanzou que proximamente aprobaranse outras medidas pioneiras en Galicia como son a ampliación da tarifa plana do Estado para impulsar a actividade empresarial, o programa de relevo xeracional para consolidar os negocios, así como o plan de formación específico, que contando coa participación das entidades máis representativas do sector pretende contribuír á mellora e adaptación aos novos tempos; e a orde de axudas para favorecer a conciliación dos autónomos.

Estratexia Autónomo 2020

Todas estas medidas forman parte da Estratexia Autónomo 2020 na que o Goberno galego, con 40 millóns ao ano, está a traballar para beneficiar a 10.000 autónomos cada anualidade con tres retos principais: incorporar novas persoas ao emprego autónomo, consolidar a actividade existente para garantir a súa viabilidade e simplificar e axilizar a tramitación administrativa.

Coas novas medidas, en palabras de Toca, impúlsase unha maior calidade no emprego autónomo, dando resposta ao reto principal da Axenda 20, coa que se prevé poñer en marcha ata 2020 polo menos 80.000 novos postos de traballo estables.

Data de actualización: 10/08/2017