As Feiras do Libro de Galicia desembarcan en Viveiro cos títulos editoriais máis recentes e diversas actividades

Os xardíns de Noriega Varela acollerán o encontro desde hoxe e ata o 16 de agosto

Promovidas pola Federación de Librarías en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura, as Feiras do Libro de Galicia rematan este mes a súa edición de 2017 nos concellos de Foz e de Monforte de Lemos

Viveiro (Lugo), 12 de agosto de 2017
  • whatsapp

As Feiras do Libro de Galicia 2017 chegan hoxe ao municipio lucense de Viveiro con novidades editoriais e cunha ampla programación dirixida a todos os públicos, que inclúe máis de 20 actividades para lle achegar á cidadanía os libros e a lectura.

Os xardíns de Noriega Varela serán desde hoxe e ata o vindeiro 16 de agosto o punto de encontro desta festa da cultura. Durante eses días, as librarías Pedreira, Arigató, Cartabón, Aenea, Nobel Burela, Cortizas, Gato Neghro e Porta da Vila ofrecerán un amplo escaparate cos títulos máis recentes, que se poderán adquirir con desconto.

A décimo cuarta cita das Feiras do Libro de Galicia de 2017 inaugurarase esta tarde ás 19,30 horas, cun pregón infantil a cargo de Andrea Dovale, alumna do IES María Sarmiento de Viveiro, e co pregón tamén da escritora Vanesa Santiago. Ás 21,00 horas dará comezo a primeira das actividades da programación, coa presentación e sinatura do libro Origen en Compostela. La leyenda de Manuel Rajal.

Xunto coas presentacións e sinatura de libros, a feira contará con propostas paras o máis novos e cun recital poético para dar a coñecer a obra 13. Antoloxía da poesía galega próxima, editada por Chan da Pólvora.

O domingo, a Feira do Libro de Viveiro permanecerá aberta desde as 12,00 ás 14,30 horas, e poderase visitar pola tarde de 18,00 a 22,00 horas.

As Feiras do Libro de Galicia


Promovidas pola Federación de Librarías de Galicia coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, as Feiras do Libro de Galicia botaron a andar a súa programación de 2017 o pasado 31 de marzo no municipio ourensán de Verín, cun percorrido que proseguiu polos concellos de Ferrol, de Santiago de Compostela, do Porriño, de Lugo, de Ourense, de Redondela, de Ribeira, de Vigo, de Rianxo, de Mondoñedo, de Ponteareas e da Coruña.

Logo do seu paso por Viveiro, as Feiras do Libro de Galicia tamén chegarán neste mes a Foz, do 17 ao 20; e a Monforte de Lemos, onde concluirá a edición de 2017, entre os días 23 e 26. O calendario completo das feiras pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia.

Data de actualización: 12/08/2017