A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, visitou esta mañá o centro de día de Afapo na cidade de Pontevedra
A Xunta de Galicia reforza a atención terapéutica de proximidade ás persoas dependentes afectadas de alzhéimer

A responsable do departamento autonómico de Maiores destacou que o Goberno galego vén de poñer en marcha este mesmo ano novos servizos asistenciais de estimulación terapéutica para doentes de Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas

Ademais, lembrou o novo incremento de 1,2 millóns de horas dispoñibles no Servizo de Atención ao Fogar (SAF) do que se informou recentemente no último Consello da Xunta

Pontevedra, 11 de agosto de 2017
  • whatsapp

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, visitou esta mañá o centro de atención diúrna de Alzhéimer de Pontevedra, que forma parte da rede de centros públicos da Xunta de Galicia e que está xestionado pola Asociación Familiares de Alzhéimer de Pontevedra (Afapo). A responsable do departamento de Maiores coñeceu de primeira man estas instalacións que oferta un total de 35 prazas, as cales están ocupadas na súa totalidade con regularidade, e a cuxo funcionamento a Administración autonómica destina este ano un total de 250.637,10 euros.

Fabiola García puxo de manifesto o compromiso do Goberno galego co desenvolvemento da atención á dependencia mediante a consolidación dunha rede de prestacións profesionais e de proximidade. Neste obxectivo enmárcase a posta en marcha este mesmo ano de novas unidades de estimulación terapéutica dirixidas a persoas afectada de alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas en diferentes concellos de Galicia. En concreto, a Consellería de Política Social impulsou a entrada en funcionamento de 60 novas prazas para este colectivo en colaboración con entidades sociais, entre outras, Afapo que resultou adxudicataria de 10 destas prazas no municipio de Marín.

Ao respecto destes novos servizos, a directora xeral subliñou a importancia de “seguir consolidando unha rede de cobertura canto máis ampla mellor, facendo especial fincapé na atención cando as persoas presentan os primeiros síntomas de alzhéimer e así poder actuar canto antes e, na medida do posible, previr e retrasar o avance da enfermidade”.

Ademais, e tamén no ámbito da atención a persoas dependentes, Fabiola García, avanzou que o Executivo galego volverá incrementar as horas dispoñibles no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no Concello de Pontevedra. Así, este municipio terá a súa disposición a partir de setembro 8064 horas máis ao ano nesta prestación, chegando a un total de 79.464 horas. Este aumento responde ao reforzamento do SAF que está a impulsar a Consellería de Política Social, cun novo incremento de 1,2 millóns de horas dispoñibles para os concellos.

Deste xeito, en dous exercicios (2016 e 2017) a Xunta ten reforzado as horas dispoñibles en máis de dous millóns de horas e aumentado o número de beneficiarios en toda Galicia por riba do 60%, pasando dos 12.899 persoas usuarias en maio de 2016 ás 20.748 que se poderán acadar con este novo incremento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/08/2017