A Xunta destina, a través das confrarías, preto de 1,6 millóns de euros a axudas para a recuperación da biodiversidade Mariña

Pesca inviste máis de 3,1 millóns de euros nun plan bianual que beneficia a 26 agrupacións da provincia, en colaboración co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, deu a coñecer o programa de achegas no transcurso dunha visita á confraría de Pontedeume
 

  • whatsapp

Pontedeume (A Coruña), 11 de agosto de 2017.- A Xunta de Galicia destina este ano preto de 1,6 millóns de euros na provincia da Coruña a axudas de proxectos colectivos que contribúen á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos e dos ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental. Trátase dunha orde bianual, posta en marcha xa en 2016, e que está dotada en total con máis de 3,1 millóns de euros a repartir entre 26 confrarías da provincia. Conta co financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou desta liña de axudas aproveitando a visita que realizou esta mañá á lonxa de Pontedeume, onde tivo ocasión de falar cos representantes da confraría, encabezados pola vicepatrona primeira e presidenta da Agrupación de Mariscadoras, María Jesús López Iglesias, e polo patrón maior da Confraría de Pescadores “Virxe do Carme”, Manuel Fuentes Díaz. Tamén participou no encontro o alcalde en funcións, José Simoes.

Rodeiro explicou que as achegas buscan que a Consellería do Mar e as confrarías leven a cabo un seguimento conxunto das actuacións e tomen as medidas oportunas para o seu correcto desenvolvemento. “A Xunta segue así a traballar na defensa do medio mariño e dos recursos dos bancos marisqueiros, para o que é preciso adoitar medidas de xestión e de apoio aos profesionais que permitan acadar a máxima rendibilidade sen poñer en perigo a conservación do recurso e do seu medio”, apuntou.

“Entre todos temos que rematar con prácticas como o furtivismo e a sobrepesca para garantir a correcta rexeneración dos recursos marisqueiros e a preservación do medio e, ao mesmo tempo, garantir a continuidade dunha actividade da que viven moitas familias en Galicia”, manifestou o delegado territorial.

No caso de Pontedeume, a confraría dispuxo entre os anos 2013 e 2016 de 109.000 euros para tarefas de rexeneración, 68.000 para asistencia técnica e 130.000 para tarefas de vixilancia, o que suma un investimento de máis de 307.000 euros. No que vai de 2017, a agrupación recibiu xa 11.400 euros para asistencia técnica e 21.780 para vixiancia.

A confraría ten solicitada, ademais, unha axuda de preto de 28.000 euros para rexeneración, que está pendente de resolución. Trátase dun proxecto para acondicionar zonas de marisqueo para a súa posterior repoboación con especies autóctonas, ameixa fina e babosa, que presentan unha drástica caída de densidade a raíz das derradeiras e sucesivas riadas e polo efectos nocivos do calor do pasado verán do 2016.

Ovidio Rodeiro agradeceu aos profesionais “o traballo de recuperación de mellora dos hábitats mariños, que é unha das liñas prioritarias ás que dar continuidade nos vindeiros anos”. Incidiu na importancia de orientar a actividade marisqueira “cara procesos de semicultivo acuícola que aseguren a produción por riba das propias condicións naturais”. Por iso anunciou que a Consellería do Mar seguirá colaborando co sector para que se dispoña de maior volume de semente e que este sexa máis resistente a parasitos, predadores e factores ambientais.

 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 11/08/2017