Os albergues públicos do Camiño de Santiago estrean sinalización táctil accesible para os peregrinos con discapacidade visual

A directora de Turismo, Nava Castro, visitou o albergue de peregrinos de Ribadiso, no que se están a implementar melloras para acadar a accesibilidade universal

Colocáronse xa máis de 1.600 placas e atrís con altorrelevos e braille no exterior e interior dos albergues para facilitar a orientación polas diferentes dependencias

As hospedaxes xacobeas contan tamén con habitacións e baños adaptados para persoas con diversidade funcional, como parte dos compromisos adquiridos pola Xunta no novo Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago

“O traballo para unha acollida sen barreiras xa está en marcha. Confiamos en que os avances na rede pública sirvan de estímulo para o resto”, afirmou Nava Castro
 

Arzúa (A Coruña), 11 de agosto de 2017
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe a nova sinalización táctil accesible para persoas con discapacidade visual total ou parcial no albergue de peregrinos de Ribadiso, en Arzúa. Estes traballos lévanse a cabo en toda a rede pública de albergues xestionada polo Xacobeo como parte do novo Plan de accesibilidade turística e do Camiño de Santiago presentado o pasado mes de xullo.

Ao abeiro deste plan, que aspira a converter á Comunidade galega nun referente do turismo inclusivo a nivel internacional, lévanse a cabo numerosas accións, entre elas a colocación de máis de 1.600 placas e atrís que dispoñen de altorrelevos, braille e pictogramas, entre outras características, para que calquera peregrino poda guiarse de xeito independente polo interior e exterior dos albergues. Estes elementos instaláronse en todas as estancias: habitacións, aseos, duchas, cociña, comedores, salas comúns, tendais, zonas de paso restrinxido…

Trátase dunha rotulación baseada na normativa oficial e nas pautas de manuais específicos de referencia ONCE. Na súa planificación e instalación, contou coa experiencia contrastada de técnicos de accesibilidade. A súa utilidade esténdese, así mesmo, a outros colectivos como persoas maiores, público estranxeiro, nenos e persoas con afectacións cognitivas.

Altura e inclinación para cadeira de rodas

As placas dispoñen de contraste cromático superior a un 60% segundo as recomendacións e realizáronse en color mate para no producir nin destelos ni brillos. A tipografía empregada tamén é accesible para permitir unha mellor lexibilidade. De igual xeito, os atrís nos que se instalaron os planos ten a inclinación e altura correctas para que podan achegarse ata eles persoas en cadeira de rodas. Ademais de estar fabricados con materiais resistentes ao envellecemento, as humidades ou as manchas químicas, están rematados con cantos redondeados e instalados de tal xeito que non produzan nin danos ni cortes aos usuarios.

“O traballo para unha acollida sen barreiras no Camiño de Santiago xa está en marcha e pódese comprobar na nosa rede de albergues, que servirá de estímulo para que todos tomemos conciencia da importancia de facer da ruta xacobea unha experiencia o máis inclusiva posible”, afirmou a directora de Turismo de Galicia durante a súa visita a Ribadiso.

Neste albergue, sinalado como un bo exemplo nestas materias, lévanse a cabo ademais traballos para acadar a accesibilidade universal, ao igual que no albergue de Melide, que forma parte da mesma etapa no Camiño Francés. Con estes avances, afóndase nunha liña de traballo pola cal subministrouse diverso mobiliario aos albergues para que as habitacións e os baños sexan completamente accesibles, tal e como indicou Predif no seu informe para a redacción do citado Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago.

De feito, as primeiras accións executáronse antes da conclusión e presentación do plan, co fin de avanzar cara aos obxectivos fixados. “Hai poucas semanas presentábamos o plan co sector e as asociacións que traballan pola accesibilidade e xa podemos comprobar que as palabras pasaron do papel á realidade e cumprimos os compromisos”, afirmou Nava Castro.

Referentes do turismo inclusivo

O Plan de accesibilidade turística dedica un apartado específico ao Camiño de Santiago xa que, polas súas características e a súa importancia como un dos principais recursos patrimoniais de Galicia, considerouse que precisa un tratamento individualizado. Contén sete liñas estratéxicas que se suman ás catro coas que conta en xeral o destino Galicia.

Para ter una diagnose certeira, analizáronse preto de 700 establecementos de aloxamento e restauración, e no caso da ruta xacobea avaliouse o grao de accesibilidade de máis de 50 etapas, de preto de 200 establecementos de hospedaxe e de 80 puntos de interese turístico.

Ademais das medidas físicas postas en marcha, no plan proponse deseñar produtos e rutas de turismo accesible, impulsar campañas de sensibilización para lograr a complicidade da sociedade e do sector, entre cuxos profesionais se promoverá a formación en lexislación sobre accesibilidade e atención ao cliente con diversidade funcional e necesidades diversas.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/08/2017