A Xunta destina 299.000 euros para a mellora enerxética de 17 firmas do sector agrícola na comarca do Deza

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou Avideza S.C., unha das avícolas beneficiadas polas axudas aprobadas pola administración autonómica co obxectivo da posta en marcha de proxectos de biomasa, xeotermia, fotovoltaica e minieólica destinados ao sector agrícola

En total investiranse case 1,1 millóns de euros para este fin en 79 proxectos de toda Galicia
 

Lalín (Pontevedra), 11 de agosto de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou esta mañá as instalacións que a empresa Avideza S.C. ten nos concellos de Lalín e Dozón, e que acaba de ser beneficiada por unha axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria para mellora da eficiencia enerxética e que lles permitirá poñer en marcha dúas caldeiras de biomasa.

Deste xeito, José Manuel Cores Tourís, destacou que a Xunta está a consolidar a súa aposta polas enerxías renovables e o seu compromiso de impulsar a eficiencia enerxética coa resolución da convocatoria de enerxías renovables dirixida ao sector primario. En total, na provincia de Pontevedra aprobáronse 17 axudas, todas elas destinadas a empresas e particulares da comarca do Deza, cun investimento de 530.000 euros, dos cales 299.000 corresponden as subvencións aportadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A posta en marcha destas instalacións, apoiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, contribuirá á diminución da factura enerxética dos beneficiarios, e en concreto, preténdese achegar o uso de fontes renovables de enerxía a un sector para o que non existía unha liña de axudas específicas impulsando, deste xeito, a industria agroalimentaria, un motor da economía galega.

De feito, a empresa visitada hoxe ten previsto instalar dúas caldeiras de biomasa de 400 Kv para climatizar as súas plantas, onde produce anualmente case un millón de polos para consumo e galiñas reprodutoras.

En total, beneficiaranse destas axudas un total de 10 empresas da comarca así como 7 particulares: Transfontao S.C., Avipor Silleda S.C. e Ganadería Mejuto S.C., todas elas de Silleda; Csamaro SAT e Explotación Agrogandeira S.C. de Rodeiro; Val Silva S. C. de Agolada e Hermanos Arias S.C. de Vila de Cruces, así como Avideza e Ganadería Pérez de Lalín. “En total, o investimento será de 530.000 euros, dos cales, 299.000 corresponderán as axudas aportadas pola administración autonómica”, explicou Cores Tourís.

“Froito do seu compromiso coa mellora da eficiencia enerxetica, a Xunta ampliou este ano a súa aposta polas enerxías renovables e o seu compromiso co medio ambiente cunha nova convocatoria de axudas para proxectos, pioneira en Galicia, destinada a empresas de produción agrícola primaria”, matizou Cores Tourís.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria invistirá 1,1 millóns de euros -500.000 euros máis dos inicialmente previstos- para a execución dun total de 79 proxectos en toda a provincia (dos que 17 corresponden á provincia de Pontevedra, e en concreto, a comarca de Deza) para instalacións de biomasa, xeotermia, fotovoltaica e minieólica coas que se prevé mobilizar 3,74 millóns de euros.

Deste xeito, a posta en marcha destas instalacións permitirá un aforro económico anual de máis de 250.000 euros, así como un aforro de case 400.000 litros de gasóleo. Así redúcense as emisións de CO2 en máis de 1.000 toneladas anuais, equivalente á acción de máis de 50.000 árbores.

As pemes galegas poderán alcanzar o 70% do custo elixible: ata 50.000 euros por proxecto e 100.000 euros por empresa. As actuacións inclúen o equipamento principal de xeración e os custos da montaxe e de posta en marcha.

Con esta convocatoria preténdense fomentar os investimentos en proxectos de enerxía renovables no sector agrícola primario facendo máis atractivos os períodos de retorno do investimento. Tamén se busca reducir os custos enerxéticos para mellorar a competitividade do sector; diminuír o consumo de enerxías convencionais e propiciar unha mellora socioeconómica das áreas rurais coa creación dunha trintena de postos de traballo.


 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/08/2017