Mar permitirá a extracción de moluscos na parte interna na ría de Pontevedra tras constatar unha mellora da clasificación microbiolóxica das augas das zonas marisqueiras

A parte comprendida entre Punta Praceres e peirao de Lourido mellora a súa clasificación microbiolóxica e pasa de ser zona C a ser zona B despois de case 20 anos, polo que se podería comercializar o molusco desta zona con todas as garantías de salubridade tras pasar por unha depuradora

Ata a actualidade da parte interna da ría só se podía extraer molusco se posteriormente se depuraba nunha zona de reinstalación ou se destinaba á conserva

Ademais, as partes internas das rías Cedeira e Betanzos e o polígono Vilagarcía A tamén acadaron unha mellora na súa situación microbiolóxica
 

Santiago, 11 de agosto de 2017
  • whatsapp

A consellería do Mar reabrirá ao marisqueo a parte interna da ría de Pontevedra (GAL 10/08-2), catalogada como C desde o ano 1998 e que desde hoxe pasa a ser zona de produción B, tras mellorar a súa situación microbiolóxica substancialmente.

Isto significa que o marisco extraído desa zona é apto para o seu consumo en fresco, con todas as garantías de calidade e salubridade, sempre que se someta a un sistema de depuración. Así o reflicte unha resolución do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia emitida esta mesma mañá.

As zonas de produción de moluscos bivalvos e outros organismos mariños clasifícanse en “A”, “B” ou “C”, segundo a súa mellor ou peor situación microbiolóxica. Así, os produtos procedentes de zona “A” poden acceder directamente ao mercado; os de zona “B” teñen que pasar por unha instalación depuradora; e os de zona “C” só poden acceder ao mercado despois de depurarse de xeito natural nunha zona de reinstalación ou no caso de que vaian para a conserva.

Outras melloras microbiolóxicas

Tamén melloraron a súa situación microbiolóxica as partes internas das rías de Cedeira e Betanzos e o polígono de bateas “Vilagarcía A”. No caso da ría de Cedeira, a zona que vai entre Punta Sarridal e Punta Xián (GAL 02/05), estabiliza a súa clasificación como B, cando ata o de agora pasaba a ser C entre os meses de xuño e setembro. No caso da ría de Betanzos, a zona comprendida entre Punta Ostreira e o apeadeiro de Paderne (GAL 09/09) pasa de ter clasificación C a B. Ademais, tamén mellora a calidade sanitaria no polígono de bateas Vilagarcía A (GAL-19), que pasa de estar clasificado como B a facelo como A.

Todos estes cambios fixéronse de acordo a lexislación vixente e os protocolos establecidos, ao obterse ao longo do ano dez resultados analíticos consecutivos compatibles coa clasificación á que mudan. Estas reclasificacións constitúense como accións positivas para o sector marisqueiro, xa que favorecen que os mariscadores poidan saír a traballar de forma normal, recuperando uns ingresos económicos propios pola súa actividade profesional, grazas á extracción dun produto totalmente apto para o consumo tras ser depurado.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 11/08/2017