A Xunta adxudica as obras de execución dunha senda peonil e ciclista na AC-960, nos concellos de Santiago e Boqueixón

A finalidade deste proxecto é comunicar o núcleo da Susana e o lugar da Eirexe, que constituirá así un itinerario continuo entre ambas as poboacións

A actuación forma parte do Plan de Sendas de Galicia para a comarca de Santiago, na que a Xunta investirá máis de 2,6 millóns de euros na construción de 15,6 quilómetros de itinerarios seguros e sustentables
 

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2017
  • whatsapp

A Xunta vén de adxudicar as obras de execución do itinerario peonil e ciclista na AC-960, nos treitos entre A Susana e o polígono industrial e entre o polígono industrial e A Eirexe, nos Concellos de Santiago e Boqueixón, por un importe de máis de 420.000 euros.

Estas actuacións, que serán executadas pola empresa Misturas Obras e Proxectos, S.A., teñen un prazo de execución de seis meses aproximadamente e o seu inicio prevese no outono.

Estas obras, que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), serán cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

O proxecto ten por obxecto a execución dun itinerario peonil e ciclista na marxe dereita da estrada AC-960, para comunicar o núcleo da Susana e o lugar da Eirexe, que constituirá así un itinerario continuo entre ambas as poboacións.

A senda executarase en dous treitos: A Susana-polígono industrial, onde hai dúas seccións, ambas en formigón coloreado e nas que o ancho varía entre os 3,15 e os 1,80 metros, con separador vexetal nas zonas onde existe máis espazo e bordo delimitador; e o polígono industrial-A Eirexe, un treito de 1.080 metros, cunha sección de 3,15 m, con separador vexetal de 0,9 metros e bordo delimitador de formigón.

As obras previstas comprenden tamén as seguintes actuacións, que son necesarias para garantir a súa funcionalidade: como a reposición e ampliación da drenaxe existente; a execución de gabias para dar continuidade á drenaxe lonxitudinal; deixar servizos para futuras canalizacións; a reposición da sinalización horizontal e a mellora e recuamento da sinalización vertical. Ademais da colocación de proteccións peonís e reposición dos sistemas de contención e de balizamentos e a reposición de servizos públicos e privados.

A senda forma parte das actuacións proxectadas dentro do Plan de Sendas de Galicia para a comarca de Santiago, na que a Xunta investirá máis de 2,6 millóns de euros na construción de 9 novas sendas seguras e sustentables, que sumarán 15,6 quilómetros de actuacións.
 

Data de actualización: 12/08/2017