Nava Castro participa na viaxe inaugural do Tren da Ruta da Lamprea, un dos 11 itinerarios dos trens turísticos deste verán


Este percorrido pon en valor este recurso diferenciador da gastronomía galega e permite coñecer, entre outros recursos, as singulares pesqueiras de Arbo no Río Miño

A responsable de Turismo destacou o éxito desta experiencia turística, con itinerarios como o dos Faros ou o da Ribeira Sacra, que roldan xa o 100% da ocupación

A vindeira saída desta ruta turística a bordo será o 16 de setembro e ata o mes de outubro están programadas preto de 25 saídas máis no resto de rutas
 

Tui (Pontevedra), 12 de agosto de 2017
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na viaxe inaugural do Tren da Ruta da Lamprea, un dos 11 itinerarios temáticos que este verán está a percorrer Galicia no marco do programa de trens turísticos Galicia a todo tren, a iniciativa conxunta levada a cabo entre Turismo de Galicia, Renfe e a Deputación de Ourense.

A viaxe do Tren da Ruta da Lamprea inclúe un percorrido turístico desde Pontevedra ata Tui, onde se realiza unha visita guiada a pé polo seu casco histórico para continuar a viaxe ata Salvaterra de Miño para visitar o seu castelo. O tren tamén fai parada na Sociedade Cooperativa Condado-Paradanta, para gozar dunha degustación de requeixo e mel das Neves e participar nunha cata de viños da denominación de orixe Rías Baixas.

O itinerario conta, ademais, con parada en Arbo, visita ao Centro de Interpretación do viño e da lamprea ARBO e percorrido panorámico das pesqueiras, as senlleiras construcións centenarias que serven para capturar a lamprea no Río Miño ao seu paso por esta localidade. Tamén se subirá ao miradoiro do Alto de Guillade cunha visión panorámica dos meandros do río Miño no seu fluír cara o océano atlántico.

Máis do 70% de ocupación


A directora de Turismo de Galicia participou nesta viaxe inaugural do Tren da Ruta da Lamprea -que terá a súa próxima saída o vindeiro 16 de setembro- onde recordou o éxito que esta experiencia turística está a ter este verán. Como dixo, dende que comezou a andar, o pasado 10 de xuño a campaña dos trens turísticos de Galicia está a ter unhas cifras de ocupación superiores ás da edición pasada, que xa foran moi boas.

De feito, destacou que no conxunto das 11 rutas rexístrase xa unha ocupación media de preto do 70% con itinerarios como o Tren da Ruta dos Faros e o Tren da Ribeira Sacra, con preto do 100% da ocupación. Pero tamén outros itinerarios como os que permiten coñecer as denominacións de orixe das Rías Baixas, Monterrei ou Valdeorras superan o 60% e, nalgúns casos, o 70%.

No total das rutas dos trens turísticos de Galicia están previstas nos meses de agosto, setembro e outubro máis de 25 saídas. Pódese consultar o calendario dos trens turísticos na páxina web de Turismo de Galicia así como na da compañía ferroviaria Renfe, onde tamén se poderá reservar o billete. Todo, cunha ampla oferta para recorrer as catro provincias galegas en rutas dun día na que se inclúen desprazamentos en autobús e visitas guiadas.

Novas saídas do Tren Peregrino


Xunto aos 11 itinerarios dos trens turísticos de Galicia, tamén está a percorrer Galicia o Tren Peregrino, iniciativa impulsada por Turismo de Galicia, Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) que permite coñecer a comunidade galega e realizar as últimas etapas do Camiño Portugués e obter a Compostela. Están previstas novas saídas deste tren os vindeiros 17, e 24 de agosto dende Madrid, con chegada os días 20 e 27 de agosto a Santiago de Compostela.

Cada viaxe dura catro días e cinco noites e os viaxeiros que realicen este itinerario atravesarán as poboacións de Tui, O Porriño, Mos, Redondela, Arcade, San Amaro, Vilagarcía de Arousa, Cambados, O Grove, Caldas de Rei, Valga, Padrón ou Teo que pertencen ao Camiño Portugués que, por primeira vez, se incorpora ao recorrido do Tren Peregrino.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/08/2017